Rianxo chora a perda de Moncho o Carreteiro, o xuíz para todo que tiña corazón branquiazul

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Ramón Rodríguez Sende recibirá sepultura este mércores á tardiña

12 ago 2025 . Actualizado a las 19:03 h.

«A onde vas, de onde vés e cantos anos tes non se lle pregunta a ninguén» era a resposta que daba Ramón Rodríguez Sende, Moncho o Carreteiro, cando alguén mostraba curiosidade pola súa idade. Non é cuestión de revelar o segredo agora que el non está, así que o dato queda entre el e a súa familia. Pero digamos que os 90 non ía volver cumprilos. O dato é relevante para dar conta da vocación de servizo dun home que se mantivo como xuíz de paz de Rianxo ata hai escasamente un ano.

Foi o xuíz para todo durante máis de dúas décadas. Humilde, servicial e xeneroso son cualificativos que repiten os que o coñeceron para definir o seu carácter. Era tamén un gran conversador, do que poden dar fe no bar Costillar de Rianxo. Alí tiña montada a súa tertulia particular desde os tempos nos que acudía puntualmente ao xulgado cada día, e mantívoa unha vez que deixou o cargo. Xa non conducía, pero apañouse para que o levaran a diario para a charla matutina diante dun café.

Polas tardes a conversa trasladábase á casa de Esperanza, na Veiga, onte se reunía con outros veciños da contorna para botar as horas entre conto e conto.

Quen contaba estes detalles na triste tarde de onte era o seu cuñado, Xesús Santos, que lamentaba a perda do seu compañeiro de fatigas futbolísticas. Hai anos ían xuntos a Riazor a ver o Dépor, e agora xuntábanse para ver os partidos pola televisión, con distancia pero coa mesma paixón: «Enfadábase moito, era moi temperamental. Era moi do Dépor».

Era tamén socio do Unión, o número 64, e sendo de Asados, de Asadelos para máis señas, e da casa dos Carreteiros, estaba destinado a ser tamén un dos integrantes do inmenso elenco da compañía de teatro Airiños.

En Asados, era unha figura entrañable, un home tranquilo, miúdo, que recordaba moitas historias de antes e llas contaba a quen quixera escoitalo. Noutros sitios era máis coñecido polo seu traballo no banco. No Pastor botou unha manchea de anos, e os máis vellos lembran que percorría as parroquias todas levándolle a paga á casa a veciños que tiñan dificultades de mobilidade e non podía ir pola oficina.

Eran outros tempos, claro, pero iso contribuíu a que a Moncho o coñezan en todos lados. Iso, e o feito de ir a todo enterro canto había. O seu será este mércores pola tardiña (a saída do tanatorio está prevista ás 19.45) e seguro que son moitos os que o arroupan, como el arroupou a outros.