O premio Francisco Añón viaxa a Nigrán e a sonense Patricia Torrado acada o accésit

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

As lembranzas a María Mariño, Antón Avilés, Xosé Agrelo e Zernadas de Castro compartiron protagonismo coas cantareiras

19 may 2025 . Actualizado a las 14:22 h.

O Día das Letras Galegas trae consigo a divulgación do fallo do certame Francisco Añón de Poesía, que nesta edición viaxa ata Nigrán ao gañar o premio principal —dotado con 1.500 euros e a publicación do traballo—, Víctor Pérez con Non plantaremos o millo en abril. Destaca o tribunal o seu «verso libre e creativo que nos achega ao universo persoal do autor».

 O accésit, que supón a edición da obra, foi para a escritora Patricia Torrado, de Porto do Son, por Grolos de ausencia e augaforte. O xurado subliñou o «seu alto grado de elaboración e a súa potente carga simbólica». A paixón pola poesía de Patricia ten relevo xeracional porque o seu fillo Duarte Mariño acadou o premio na categoría de 10 a 11 anos con Autolesión. Da composición resaltouse a madurez da voz poética e o dominio da lingua.

 

Fallo do xurado do certame Francisco Añón
Fallo do xurado do certame Francisco Añón

 A categoría de 6 a 7 anos quedou deserta, na de 8 a 9 o primeiro premio foi para Leo Iglesias, da Estrada; mentres que o traballo de Joel Dalmau, de Marín, resultou escollido na de 12 a 14 anos e a lucense Cristina Vicho obtivo o máximo galardón na de 15 a 17.

Homenaxe a María Mariño en Noia
Homenaxe a María Mariño en Noia Carmela Queijeiro

Nunha xornada cargada de actividades, na que se sucederon as actuacións de grupos de cantareiras reforzando o seu protagonismo nun día da lingua dedicado a elas, non faltaron as lembranzas aos escritores da bisbarra. Houbo ofrenda floral en Noia nos bustos de María Mariño e Antón Avilés, neste último coa presenza dos seus fillos Santi e Luís, así como dun neto.

Nas súas intervencións, o alcalde, Santiago Freire e o edil de Cultura, José Pérez, consideraron moi axeitado o recoñecemento á poesía popular tradicional conservada polas cantareiras.

Lembranza a Xosé Agrelo en Muros
Lembranza a Xosé Agrelo en Muros

En Muros, a Asociación Cultural O Xeito homenaxeou ao mestre e dinamizador cultural Xosé Agrelo. Interveu no acto Rodrigo Molinos, acompañado por Solita Roo, viúva de Agrelo, e por dous netos. Lembrando a figura do muradán, a rexedora, María Lago, subliñou que «antes ou despois, Pepe merece ter o seu día propio».

Acto en lembranza de Zernadas de Castro en Lousame
Acto en lembranza de Zernadas de Castro en Lousame

Reivindicación en Lousame

Un ano máis, o Concello de Lousame aproveitou para reivindicar a dedicatoria dun Día das Letras á figura de Zernadas de Castro.

Foi no transcurso dun acto de lembranza no que a presidenta da entidade de veciños, Ermitas Lorenzo, lembrou que o cura de Fruíme escribía en galego no século XVII.