A situación das aldeas galegas na paisaxe non é froito do azar, senón dunha intelixente planificación territorial pensada na economía de subsistencia, deseñada polo propio pobo e non en despachos dende hai catorce séculos.
Se analizamos polo miúdo a ordenación do territorio, descubriremos que hai unha liña que podemos chamar pé do monte (en Italia chámanlle Piamonte) que divide o espazo en tres áreas ben diferenciadas: o monte, as aldeas e as terras de labor.
Situaban as aldeas nesa franxa entre o monte e as terras de labor, estratexicamente para acadar a maior eficiencia co menor traballo. No lado máis alto plantaban árbores para obter deles o material para o lume, para o estrume e para o mantemento das vivendas. No lado máis baixo e máis produtivo e asollado é onde situaban as leiras de labor, as do millo, as herbeiras, as das patacas, etc.