A hora máxica

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

«O feito de que a arte rupestre sexa só visible a unhas horas concretas non é un problema, senón a oportunidade de converter a experiencia en algo máxico»

12 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa nos metemos neste ano 2022 e seguimos con vandalismo que parece sacado dos 80. Onte decatámonos de que uns túzaros rasparon a importante estación de arte rupestre da Gurita, en Baroña (Porto do Son). A finalidade non está clara: pode que no Instagram non quedaran ben tal e como estaban. Pode que se os colleras no momento e lles chamaras a atención aínda protestaran argumentando que se non foran por eles e a súa conta de 200 seguidores no TikTok ninguén se decataría de que os petróglifos estaban aí. Que aínda tiñamos que dar as grazas.

Os petróglifos teñen un problema: agás casos contados, como a espectacular Laxe das Rodas en Muros ou a Pedra das Cabras de Ribeira, non son doados de ver. Requiren varias aptitudes escasas: a paciencia para afacer os ollos, ou o feito inevitable de que os petróglifos saen mellor sempre na túa cabeza que nas fotos.

Debido ao desgaste, gózanse mellor a horas de luz rasante. Ou ben resignado madrugón, ou nese serán de xullo no que presta moito mellor un tardeo de terraza. Non é o mesmo tipo de turismo que pode visitar unha igrexa ou un castro, por exemplo.

Só podemos cambiar iso virando o discurso: o feito de que a arte rupestre sexa só visible a unhas horas concretas non é un problema, senón a oportunidade de converter a experiencia en algo máxico. Facer depender o petróglifo da luz natural. Só que para iso sería imprescindible dar dous pasos: educar máis ao público e talar toda a vexetación que impide esa experiencia da luz rasante. Será moito?