Sahara

Xosé Deira CAIXA DE CORREO

BARBANZA

Fernando Sánchez

05 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o 1974 cando a todos os que tiñamos prórroga para cumprir a mili, mandáronnos ao Sahara. Na compañía III do CIR do Aaiún, a idade media dos recrutas era de 23-24 anos. Na clase teórica, a unha pregunta sobre a situación do Sahara, a resposta maioritaria foi: «É unha colonia de España en África». Acabouse a teórica cun «este es suelo patrio, esto es España».

Pasabamos os días como podíamos, cos atentados do Polisario en aumento. Cando tiñamos un momento libre visitabamos o Aaiún. Nunha saída quedei cun amigo de Zaragoza. Pasamos cerca dun cemiterio nativo, fotografamos unhas tumbas. Unhas dez ou quince mulleres acércanse a nós gritando. Acurralados contra un muro, non sabiamos que facer. Un mozo detense ao noso carón, pídenos a cámara, sácalle o carrete e explícalles que en Europa os cemiterios non tiñan o mesmo significado. Calmouse a multitude. Quedamos para vernos máis veces. Era do Polisario: «Sabemos que ás veces sofren atentados xente coma vós, que seguro nos entendedes, pero non temos outra forma de falar co voso goberno».

Hassán II di que en Nadal tomará o café no Aaiún. Ao pouco anuncia a Marcha Verde. O Polisario xa non é a amenza, empezan os contactos. O Polisario ofrecese para loitar xunto ás nosas tropas na defensa do Sahara fronte ó intento de invasión marroquí. O de Mingorrubio está camiño do Valle dos Caídos, como Xefe do Estado interino. Xoan Carlos I acude nunha visita institucional o Aaiún, o Polisario reitera o seu ofrecemento. O Rei anuncia que defenderá «este es suelo patrio con todas nuestras fuerzas hasta las últimas consecuencias». O pobo saharauí celebra estas palabras. A Marcha Verde entra en territorio do Sahara, unha gran bandeira de EE.UU. e unha foto de Kissinger encabezan a marcha. Ao cabo de tres días dan a volta, sen incidencias. Desconcerto enorme.

Nese novembro, rodéase con arames o barrio nativo do Aaiún; si, alí tamén había apartheid. O Polisario desaparece, non volvemos ver ao noso defensor e valedor; do posto fronteirizo de Hagunía alertan de que están entrando camións marroquís. A decisión estaba tomada, o Sahara pasaba a ser administrado por Marrocos, a decepción e a impotencia apoderase do pobo e dunha boa parte do exército.

España empeza organizando formas de axudar o pobo saharauí, non envían só artigos de primeira necesidade, senón que todos os anos miles de rapaces nativos pasan o verán entre nós. A xente do común está pola paz e irmandade, a quen representan os gobernos?

Cando empeza a pandemia, Brahim Ghali, líder do Polisario é hospitalizado en Zaragoza como un enfermo que necesita axuda. Ghali é dunha xeración que ten un DNI, como se nacera en Boiro ou no Confurco, era un compatriota, quería a independencia, pero quería ser mellor español que marroquí. Sabe que os pobos da península están con eles, pero o goberno de España fixo como a Salomé bíblico. Estiven na zona de Guelta Zemur e na Hamada onde hoxe resiste heroicamente un pobo que se sentiu ao noso carón, traizonámolo e nese lugar inhóspito vararon os nosos barcos e sen pendóns a nosa honra. Xosé Deira. Boiro