Aida Tarrío e Fran Sieira, o factor barbancés de Tanxugueiras
27 ene 2022 . Actualizado a las 14:42 h.A potente proposta de Tanxugueiras no Benidorm Fest logrou o obxectivo que buscaban o trío e o numeroso equipo que as acompaña na aventura eurovisiva ao conseguir o respaldo do voto popular, que as catapultou á final do sábado. O tema Terra, toda unha declaración de intencións, estivo vestido dunha espectacular posta en escena que, ademais de pór en valor a cultura e a lingua galegas, demostrou poderío ribeirense. Non só porque unha das integrantes do grupo, Aida Tarrío, sexa de Ribeira, senón porque sobre o escenario tamén estivo Fran Sieira, responsable da coreografía que acompañou os acordes da canción, ademais de bailarín.
Coa súa presenza, os bailaríns completaron unha posta en escena na que Sieira tiña clara unha cousa: «Nós somos un apoio para a peza, as protagonistas son elas». A partir de aí, montou unha coreografía feita, sobre todo, con moito cariño: «Déixome guiar moito pola lírica das cancións, e o que intentei foi levar a linguaxe tradicional, que é o que eu sei facer, a Terra». Recoñece que a aposta tiña os seus riscos: «Partimos do baile tradicional, pero estalo levando a outro sitio non tan puro, e sempre tes o medo de se se entenderá ou non, ou se a xente interpretará que nos afastamos demasiado da tradición».
Eses mesmos medos afloraron nos intres previos á actuación: «Todos tiñamos os nervios típicos, queres amosar o teu traballo e que á xente lle chegue o que fas e tiñamos a incerteza de se chegaría, de se a xente de fóra de Galicia o entendería». Á vista do resultado das votacións, parece claro que a mensaxe de Tanxugueiras si trascendeu fronteiras, como di a canción. «Este é un paso moi importante para a música tradicional galega, e para todas as músicas e todas as linguas. É un orgullo que haxa tantas linguas diferentes no mesmo país, deberiamos presumir de toda a riqueza cultural que temos», asegura Fran Sieira.
Proceso complicado
En Benidorm, Tanxugueiras están acompañadas por un equipo formado por case trinta persoas, o que dá unha idea da envergadura do traballo que hai detrás da montaxe que se puido ver sobre o escenario. Crear todo iso foi especialmente complicado, especialmente porque o covid afectou a boa parte dos integrantes do equipo e ata o mesmo día da semifinal non puideron estar todos xuntos: «Foi un proceso estresante. Non estivemos todos nos ensaios previos, e probaron o son en 15 minutos antes da actuación. Son tan novas e tan profesionais que me emociono con elas. Son unhas valentes».
Aida Tarrío, a terceira pata de Tanxugueiras xunto con Sabela e Olaia Maneiro, tivo tamén un papel destacado, non só pola súa voz, senón porque nun momento da canción se arrincou a bailar: «Aida quería bailar e foi unha sorte, deu pé a expandir a miña imaxinación e creo que encontramos o punto clave para que ela bailara».
Fran Sieira bromea dicindo que son tantos no equipo de Tanxugueiras que «parecemos unha delegación de Galicia no festival» e sinala que a súa coreografía é so un gran de area nun importante traballo colectivo do que se sente moi orgulloso: «O sábado imos dalo todo, pero xa somos gañadores porque estamos xuntando xente arredor disto, estamos facendo país. Estamos emocionados e moi orgullosos do que estamos facendo».
Recentemente, Aida comentaba «sería unha pasada que se escoitara o galego no festival de Eurovisión». O primeiro paso está dado, agora queda unha final na que Tanxugueiras contará, de seguro, co alento de Barbanza.