Aida Tarrío: «Sería unha pasada que se escoitara o galego no escenario de Eurovisión»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

ROCIO CIBES

Sitúa no respecto pola esencia da música de raíz a clave do éxito de Tanxugueiras

12 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunto coas súas dúas compañeiras de aventura musical, as irmás Olaia e Sabela Maneiro, Aida Tarrío (Ribeira, 1997) conseguiu que o son da pandeireta e o peculiar ton das cantareiras traspasara as fronteiras de Galicia. O seu grupo, Tanxugueiras, enche escenarios dentro e fóra de España cunha arriscada aposta pola fusión entre a música tradicional e os sons contemporáneos. O vídeo do seu último sinxelo, Figa, converteuse en viral, mentres que a canción se impuxo na enquisa previa á elección do grupo que representará a España no festival de Eurovisión. A Tanxugueira de Aguiño non pode amosarse máis satisfeita pola meteórica traxectoria da banda, formada hai só tres anos.

—Pilloulle por sorpresa a vitoria nesa enquisa?

—Ningunha de nós é seguidora do festival de Eurovisión, certame que por suposto coñecemos. Ao principio non lle demos moita importancia, pero a vitoria recibímola con moita sorpresa, sobre todo polos votos da xente que non é galega.

—Como pode chegar unha canción con base na música galega e en galego a xerar esta expectación a nivel estatal?

—O mellor que ten a música de raíz é que é da terra, serve para unir a todos porque son ritmos ancestrais. En canto ao idioma, se podemos cantar unha canción en inglés sen ter idea do que fala, por que en Madrid non poden cantar en galego? A clave está en facer unha música que transmita.

—Vese representando a España en Eurovisión?

—Estar en Eurovisión sería abrir unha xanela enorme cara Europa e outros países, para que souberan que en España hai algo máis ca flamenco. Sería unha pasada que se escoitara galego no escenario de Eurovisión.

—Tanxugueiras naceu no 2018 e cando estaba en pleno despegue chegou a pandemia, pero a traxectoria ascendente continuou...

—Desde que sacamos o tema Midas, a comezos de ano, a xente empezou a conectar máis con nós. Meterlle ás nosas cancións sons máis electrónicos e contemporáneos foi abrir a porta a máis xente. Con Figa subimos outro chanzo máis. No verán traballamos moitísimo e coas entradas esgotadas en case todos os concertos que demos.

—Soñaban con este momento cando puxeron en marcha Tanxugueiras?

—Nós comezamos hai cinco ou seis anos co obxectivo de tocar en foliadas, para pasalo ben. A medida que iamos facendo concertos decatámonos de que isto nos enchía e fomos profesionalizándonos. Queremos chegar o máis lonxe posible, pero non nos fixamos metas, imos paso a paso. Nunca contamos con poder vivir da música, así que nos sentimos moi afortunadas.

—Cal é o segredo para conseguir traspasar fronteiras?

—O segredo é non perder a esencia, tocar desde o respecto á música tradicional, pero sen prexuízos á hora de fusionar. Tamén, ter naturalidade enriba do escenario. Fóra de Galicia, á xente flípalle a forma de cantar das pandereteiras.

—Cal foi o mellor momento que viviu ata o de agora con Tanxugueiras?

—Difícil elección, porque con Tanxugueiras pasamos moi bos momentos. Para min, o mellor é viaxar, coñecer diferentes culturas, empaparme de músicas diversas. Alégrame ver que Tanxugueiras é unha familia enorme que sigue medrando. Saír dun concerto e que unha nena me diga que, grazas a min, quere ser pandereteira ou falar galego é o mellor.

—Chegado este punto, cal é o soño de Aida Tarrío?

—O meu soño é vivir disto sempre. Gustaríame tocar en grandes escenarios, neses nos que aínda non soou a música tradicional nin se cantou en galego, pero con vivir da música xa me conformo.

—A pandemia, que tanto lle afectou á cultura, vese que pasou de largo á altura de Tanxugueiras...

—O certo é que non nos afectou. O único foi que tivemos que limitar os aforos nos concertos, pero traballamos moito. O vindeiro día 28 pecharemos a xira Contrapunto no Pazo da Cultura de Pontevedra e xa esgotamos as entradas.

—E despois?

—Logo pararemos para empezar xa a preparar o novo disco e o directo do ano que vén. Queremos dalo todo.