Nagib Mahfuz

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

Bernardo Codesido

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera que lea a triloxía sobre O Cairo, de Nagib Mahfuz, e coñeza algunha foto do autor, pode asimilalo, sen lugar a dúbidas, con Kamal, o personaxe principal, se se pode dicir que nesta obra hai personaxes principais e secundarios. É talmente, no físico, o retrato do escritor, pero tamén na súa ideoloxía, unha persoa aberta ó coñecemento, á discusión sosegada e a unha conciliación integradora sen rexeitar ás súas orixes familiares. E pregúntome que diría hoxe do que está pasando en Afganistán.

E como tampouco todo é integrismo no mundo musulmán, nunha visita a O Cairo, quixen coñecer o lugar onde Nagib Mahfuz acostumaba a tomar café e observar ós seus concidadáns. Agora un lugar cargado de retratos e lembranzas onde, salvando a distancia temporal, puiden sentir o pulular do mesmo café de a calella dos milagres, onde a radio, ben avanzada a década dos anos vinte do pasado século, substituíu ós cegos e contadores de historias abrindo unha fiestra ó mundo e ó futuro.

Foi coas novelas O pazo do desexo, Entre dous pazos e A azucreira (triloxía de O O Cairo) coas que amosou o percorrido dunha familia cairota polo século XX, retratando e criticando a relixiosidade déspota do pai, a submisión resignada da esposa, a rebeldía dalgún fillo, o egoísmo e os acontecementos políticos da época, para mostrarnos a súa ideoloxía sen renunciar á súa condición de exipcio e musulmán, promovendo con elas un Islam moderado e arredado de integrismos, que a piques estivo de custarlle a vida por facerse preguntas como quen pode estar seguro de que a súa fe é a verdadeira.