A cor de Venus

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

CEDIDA

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luís Veiras Manteiga é, con certeza, un dos autores de selo, traxectoria e proposta máis claros do noso eido artístico. É tamén un dos máis intensos e concienciudos laboradores. Dígoo tanto polo seu ritmo coma pola súa erudición. Mergúllase na Historia da Arte mentres compón e, sen se teren aínda esvaído as faíscas do seu anterior traballo, xa está a piques de nos dar un novo.

Aínda que vén de sempre, esa atracción que a obra clásica exerce sobre os pintores nunca remata de agomar bacelos, de ofrecer posibilidades. Por unha banda, non ten misterio, é a constatación de que todo, na linguaxe creativa, é un continuo falar que se nutre do xa dito (Courbet, Picasso, os escritores; se queres escribir, le. Se queres pintar, observa) e o artista é alguén que dialoga na gran conversa do devir, inserindo a voz propia para proxectala coas demais.

Veiras xa nos estaba a dicir algo disto naquela concepción teatral, escénica, dialogante, de anteriores mostras. Mais, por outra banda -e o mesmo Veiras é proba- sempre produce ese milagre que é o rebento novo na rama vella.

Corpos e cor

Venus do espello. Venus de Urbino. Venus de Modigliani. Venus durmida. Desta volta, Xosé Luís Veiras dálle a clave poética á icona pictórica. A cor de Venus. Corpos e cor, titulaba el mesmo a mostra.

Non recordo quen dixo que a poesía é un intento de levar o emocional á orde da linguaxe. De aí -digo eu- sae esa desorde engaiolante do pensamento co que se escribe (pinta, fala...) o máis íntimo. Iso é, precisamente, o que está na pintura de Veiras. Unha mestura de instinto e coordinación. Por exemplo, de xeometría (base cézanniana do debuxo) e emoción (base impensada do trazo). O contraste que é tamén habitual recurso poético. O choque que produce a chispa. A pedra de toque da diferenza (base primeira e última da beleza e, se me apuran, de todo canto coñecemos).

Magnetismo

Pero o enorme magnetismo que posúen as obras de Veiras Manteiga non se debe a un único factor. De ningún xeito. É a suma do longo alimento dunha obra que medra coma un organismo evolutivo. Poderiamos dicir que é o efecto da celebración da cor; ou que se debe á calidez, ao optimismo anímico que desprende, en moitos casos, plasmación auténtica da alegría; ou á conectividade; ou á ductilidade visual; á frescura; á sintonía da elección temática; á facilidade de trato co espectador; á suxestión; á excitación; por certo: todos eles factores xa contidos no máis primitivo do concepto de «venus», que é o do encabezamento e da obra que escollemos para este noso caderno de abril.

Confeso a miña debilidade polo xeito que Veiras Manteiga ten de manexar ese todo e de incentivar a súa lirización visual, xa digo: a cor de Venus. Quizais por aí, polo poético, veñan as febras da súa nova proposta. Agardámola con devezo.