Cromos repetidos

X. Ricardo Losada ACASOS

BARBANZA

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gardamos da infancia o recordo claro de que non nos gustaban os cromos repetidos. Pediámoslles aos nosos pais que nos comprasen máis sobres ansiando cromos novos. E, ao final, cando xa perdiamos a esperanza, mandabamos unha carta pedindo os que nos faltaban, e agardabámolos con ansiedade. Non vou contar como me sentía cando chegaban. É unha experiencia tan universal que é innecesario e, por riba, as palabras debilitaríana.

Aínda así, creo que ese tipo de recordos mal interpretan a infancia como un lugar de busca de novidades. Somos os adultos os que proxectamos nos recordos esa ansiedade. A infancia queda mellor reflectida nese hábito que, debido á miña mala memoria, non recordo, pero que si experimentei marabillado cos meus sobriños. Refírome a como desfrutaban vendo a mesma película ou lendo o mesmo libro ou escoitando a mesma historia. Que pesados se puñan: «Cóntamo outra vez» ou «ponma outra vez», protestaban cando ti lles querías impor outra historia ou outra película, convencido de que é moi importante para eles ter experiencias novas. Pois non. Eles, co que realmente desfrutan é coas historias repetidas, sabendo de antemán qué vai pasar e, o máis importante, que lles vai gustar.

O outro día escoitei unha charla dun mestre que dicía ter aprendido moito dos nenos, e exemplificábao con anécdotas que intentaban revelar que os nenos razoan de forma distinta. Recordou que unha vez lle pediu a un alumno que lle dixese tres froitas. O neno, demostrando o amor que teñen pola repetición, respondeulle tres melocotóns, pero el, dominado pola fobia adulta aos cromos repetidos, explicoulle que tres melocotóns non eran tres froitas distintas, e que a resposta correcta sería, por exemplo: Melocotóns, peras e mazás. O neno demostroulle dous días despois que o entendera resolvendo un problema que viña no libro: «Nunha cesta hai tres melocotóns e dúas peras, cantas froitas hai?». Dúas, dixo. E entón o mestre deuse conta, creo eu, de que a resposta correcta á primeira pregunta non era a súa, senón a do neno. Sen dúbida ningunha, tres melocotóns son tres froitas distintas.