A marca do sabio

francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA 

BARBANZA

MATALOBOS

12 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Contan que cando Filipo de Macedonia recibiu a noticia de que a súa esposa parira un neno, estaba celebrando que o seu cabalo coxo acababa de gañar unha carreira de burros, e o seu exército viña de darlle unha nova vitoria, polo que os augures xa se apuraron a predicir que o infante Alexandre, por vir ó mundo entre tan boas novas, ía ser magno, e Magno foi.

Sobre prognósticos que adiantan o porvir dun neonato tense escrito moito, e deixando a un lado a restra de deuses e heroes precristiáns, predestinados por sinal divino, lembramos dous casos referentes ó neno Xesús, de quen din que cando súa nai foi visitar a súa curmá Sabela para anunciarlle a súa gravidez, o curmanciño Xoán deu un chimpo de alegría no ventre de súa nai. E o outro de cando xa o neno nacera, quen vendo á Virxe aflixida por tan insólito acontecemento, que alixeiraría as linguas da veciñanza, erguéndose no berce anuncioulle quen era seu pai (por se ela non o sabía), e a función redentora que traía consigo.

E como iso de anunciarse antes de nacer ou acabado de nacer non é patrimonio de ninguén, tamén se conta que a nai de Bernardo de Claraval, estando grávida do futuro santo, soñou con un can de forte e potente ladrido, sobre o que o seu confesor augurou que o futuro neno sería para a igrexa fiel e defensor como un mastín o é da casa do seu amo.

Son moitos e aparecen en todas as culturas e estratos sociais os casos de natais que se fan anunciar de maneira sorprendente por medio de sinais que indican como vai ser o cativo ou cativa. E traio isto a conto porque nese álbum de fotos de que veño falando estes días, atopei o retrato dunha muller que viviu en propias carnes un destes anuncios premonitorios; unha muller que se amosa grávida no retrato e sen embargo non deixou descendencia. Cando me interesei por ela dixéronme que tivera un aborto espontáneo por irse da lingua, despois de que, certo día, estando soa na casa comezase a preocuparse porque o seu esposo non daba chegado do mar, e a preocupación ía en aumento a cada segundo que pasaba, ata que de súpeto, unha voz saída das súas entrañas tratou de acougala: Estate tranquila, enredouse cuns amigos.

E aquela voz, na vez de sosegala aínda a preocupou máis, e foi xunto dunha anciá da familia para contarllo e pedir consello. E ben podía a vella aquela, amparada polos anos de sabedoría e experiencia desenganala, que o subconsciente opera así nas persoas preocupadas, facéndolle crer que son voces o que é imaxinación ou suposición ou desexo. Pero iso a anciá non o sabía, porque entre as moitas crenzas de que tiña noticia e acollía con fe cega, aquela voz só podía vir do feto, quen ía nacer co don da profecía. E traía ese don (explicaba ela) por ser primoxénito, descendente en sétima xeración doutro sabi http://barbanza/vol1/sgdvoz_fotos_tmp/b11e9051.pre o habido nesa familia e de quen ninguén se lembraba. Un sabio que sería recoñecido no momento de nacer e durante toda a súa vida porque había levar marcada no ceo do padal a roda de santa Catarina, a patroa da sabedoría. Mais, para desconsolo da nai, a anciá tamén lle anunciou que, polo simple feito de revelar aquel acontecemento antes de parir, por desvelar o prodixio, o neno non viviría.

A día de hoxe ninguén pode asegurar que sería do cativo se a nai non se fose da lingua.