Álvaro Illobre: A inclusión demóstrase correndo

LAURA MARTÍNEZ / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CESAR TOIMIL

O dúas veces paralímpico participará na Carreira pola Diversidade de Ambar

06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Álvaro Illobre leva colocándose na liña de saída da Carreira pola Diversidade dende o ano 2015, data na que a asociación Ambar comezou a organizar a proba. E nesta ocasión tampouco podía faltar. Non son moitas as oportunidades que teñen as persoas con discapacidade para participar neste tipo de competicións. «O número de carreiras inclusivas é mínimo e a maioría, como a do próximo domingo, parten de iniciativas solidarias», asegura o deportista.

Dende a súa cadeira de rodas, este aresán adoptou o deporte como filosofía de vida. En baloncesto, xogou este ano no Basketmi Ferrol da Primeira División, que quedou segundo na liga regular. En atletismo, acadou o pasado ano dous metais no Campionato de España por autonomías. En ciclismo, participou no certame nacional de Málaga. E por se a lista fora pouco extensa, tamén practica en ocasións disciplinas coma o pádel. Aínda que se ten que tomar partido por só un deporte, este atleta empedernido non o dubida: o tenis. «Foi o que máis cousas me aportou. Grazas a el cheguei moi lonxe», afirma Illobre. A súa participación nas paraolimpíadas celebradas en Sídney no ano 2000 e nas de Pekín do 2008 así o certifican.

Fíxenme máis resistente ós golpes e as roturas diminuíron»

Álvaro Illobre sofre a coñecida como enfermidade dos ósos de cristal, que lle ocasionou numerosas fracturas na súa infancia. Cos anos, o seu corpo fortaleceuse, para o que foi fundamental o exercicio físico. «Fíxenme máis resistente ós golpes e as roturas diminuíron. A día de hoxe non fago movementos moi arriscados, pero a evolución é innegable», conta o atleta. Por iso, sempre dirixe o mesmo consello á xente nova que poida sufrir algunha discapacidade: «Recoméndolles que proben todos os deportes que teñan ao seu alcance, e que logo elixan o que máis lles guste». Porque se a práctica de exercicio implica unha mellora a nivel corporal, psicoloxicamente os efectos non son menores. «O deporte permíteche coñecer a moita xente e viaxar a moitos lugares. Non tes tanto tempo para pensar na enfermidade, e a mente agradéceo», explica.

Profesionalización necesaria

Na vida de Álvaro Illobre, o deporte supón unha ocupación que traspasa o tempo de ocio. Pero o certo é que non son moitos os mozos que se decantan por esta actividade como saída profesional. «Actualmente aínda existe a crenza de que o deporte adaptado ou inclusivo é algo social, unha terapia. Existen moitos programas orientados á rehabilitación, pero non se traballa a nivel técnico. Non se ten en conta que moitos queremos ir un paso máis alá», asegura o atleta. «En Barbanza temos o gran exemplo do noiés Pepe Barrio, campión galego de tenis de mesa», conta.

 En Barbanza temos o gran exemplo do noiés Pepe Barrio, campión galego de tenis de mesa»

Con 46 anos cumpridos, recoñece que a competición a nivel profesional rematou para el: «O meu presente e futuro pasa por participar en probas a nivel galego e en colaborar para que o deporte adaptado enganche a máis xente». Pero tamén para loitar porque as carreiras para afeccionados viren máis inclusivas. «Os percorridos das probas populares non están pensados para persoas en cadeira de rodas ou invidentes. Discorren por tramos con costas de moita pendente ou grava, e iso limita moitísimo a nosa participación», asegura.

Ribeira é un dos poucos municipios que conta cunha iniciativa destas características. «A importancia da celebración de competicións coma esta non só atinxe ás persoas discapacitadas, senón que tamén serve para que a sociedade coñeza outro tipo de atletismo que pode ser igual de atractivo», afirma Illobre.

Éxito de participación: A Carreira pola Diversidade sairá da zona de Coroso e contará con 200 corredores, co que supera en 50 o número de inscritos da pasada edición.

Romaría: A xornada festiva completarase coa celebración dun xantar popular, obradoiros artísticos, inchables para os máis pequenos e a actuación de varias agrupacións musicais e de baile.