Antonio Vilar: Un explorador para os tesouros do ceo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Percorre os colexios cun planetario e organiza observacións na pedra da Ra

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbanza conta con escuros recunchos afastados da luminosidade que irradian os cascos urbanos, nos cumios dos montes ou preto do mar que permiten gozar do espectáculo único que o ceo ofrece en noites despexadas. Ata hai pouco, os veciños tiñan que valerse dos seus propios telescopios para descubrir eses tesouros ou ben esperar a que os poucos colectivos que hai vinculados á astronomía organizaran unha quedada. Pero, hai uns meses, veu encher ese oco Mundo Estrellado, unha empresa que ten o firmamento como base de operacións e a Marco Antonio Vilar como cabeza visible. En breve, aproveitando as vacacións de Nadal, montará un pequeno planetario no palco da música do Malecón de Ribeira, desde o que tentará espallar unha afección que gaña adeptos de xeito imparable.

Marco Antonio Vilar era un neno cando empezou a sentir atracción polos milleiros de puntos brillantes que engalanan o ceo. Un fenómeno ocorrido no ano 1996 acabou por enganchalo definitivamente á astronomía: «Tiña un pequeno telescopio que me regalaran os meus pais e, aínda que era sinxelo, permitiume ver o paso do cometa Hale-Bopp. Foi espectacular, deixoume impresionado». A partir de entón, a súa afección medrou de xeito imparable, ata que se decatou de que había moitos que, coma el, querían ver máis alá, traspasar a barreira das posibilidades do ollo humano: «Vin que en Barbanza había un oco importante nesa materia, pois existía moita xente interesada na astronomía, pero poucos recursos ao alcance da súa man».

E Marco Antonio Vilar decidiu converter a súa paixón nun negocio. Agora, percorre os colexios de toda Galicia cun pequeno planetario, amosándolle aos cativos os tesouros que agocha o ceo. Cando o tempo o permite, mesmo ofrece a posibilidade de participar en observacións, case todas elas desde o miradoiro da pedra da Ra, moi preto do centro de Ribeira: «É un lugar excepcional para ver as estrelas».

Paseos pola lúa

Co parque natural de Corrubedo a un lado e a inmensidade do océano Atlántico ao outro, este emprendedor instala os seus telescopios para amosar nebulosas, cúmulos, galaxias e, de cando en vez, algún que outro planeta: «Se hai lúa deixamos que os espectadores manexen os telescopios para darse un paseo polo satélite». Na última expedición que realizou, o pasado fin de semana, el e os seus compañeiros de aventura tiveron ocasión de contemplar unha chuvia de estrelas.

Asegura que os que proban, queren repetir: «Amósanse sorprendidos de ver cos seus propios ollos imaxes que, ata entón, só admiraran en documentais ou fotos. Impresionan moito, por exemplo, os aneis de Saturno». Admite que os espectadores máis pequenos son os máis agradecidos: «Para as sesións que impartimos nos colexios contamos con imaxes moi realistas, tanto que cando nos achegamos á lúa poden ata verse os seus cráteres e ás veces hai cativos que empezan a gritar de euforia».

Aínda que son poucos os segredos do ceo barbancés que lle quedan por descubrir, Marco Antonio Vilar recoñece que se sorprende ao observar as galaxias e as nebulosas, pero co que máis goza é coa fotografía: «Inmortalizar as profundidades do ceo nocturno é moi complicado, pero tamén satisfactorio, pois permite levar para a casa un recordo». A pedra da Ra é o seu centro de operacións habitual, pero non dubida á hora de sinalar cal é o mellor recuncho da comarca para mirar cara o firmamento: «Sen dúbida, a illa de Sálvora. Estivemos en setembro e foi o máis impresionante que tiven ocasión de ver ata o momento. Supera con moito o ceo das illas Cíes. Somos privilexiados por ter esa opción tan preto».

Iso si, os seus soños, en materia de astronomía, apuntan cara moito máis lonxe: «Gustaríame ir cara o Polo Norte e ver as auroras boreais e o sol de media noite, cando se agocha para volver a saír de novo. Tamén quero chegar algún día a observar a Gran Nube de Magallanes».