Rosalía de Castro: as derradeiras penurias do «ruiseñor de Galicia»

María Salgado
María Salgado REDACCIÓN / LA VOZ

FUGAS

«Rosalía de Castro yacente», de Ovidio Murguía. Este óleo pintado polo fillo da poeta en 1885, a partir do debuxo que fixo o día da súa morte, consérvase no Museo de Pontevedra.
«Rosalía de Castro yacente», de Ovidio Murguía. Este óleo pintado polo fillo da poeta en 1885, a partir do debuxo que fixo o día da súa morte, consérvase no Museo de Pontevedra. Fundación Rosalía de Castro

Co gallo do Día de Rosalía, o 23 de febreiro, profundamos no último ano e medio da súa vida: pobre, enferma de cancro de útero, morando unha casa ruinosa e coa única axuda dos emigrantes galegos na Habana. Foi enterrada en Padrón sen lousa nin cruz

20 feb 2026 . Actualizado a las 23:08 h.

Como unha pobre de solemnidade, como unha filla de ninguén, como un paxariño. Rosalía de Castro, a maior poeta de Galicia, a estrela do Rexurdimento, foi enterrada no chan, sen lousa nin cruz, no cemiterio de Adina, na parroquia padronesa de Iria Flavia, ás dez da mañá do 16 de xullo de 1885. Este desventurado final —tardaríase máis dun lustro en poñerlle remedio— non foi un erro nin un contratempo, senón a derradeira das penurias que sufriu a escritora. Enferma dun cancro terminal de útero, padecendo privacións e morando na ruinosa casa da Matanza, daquela unha vivenda de alugueiro e hoxe sede da súa fundación, a única axuda que recibiu no seu último ano e medio de vida chegou dos emigrantes galegos na Habana, que tamén foron os primeiros en recadar cartos para un futuro mausoleo tras o seu pasamento. Co gallo do Día de Rosalía, o vindeiro 23 de febreiro, que conmemora o 189.º aniversario do seu nacemento, profundamos na miseria que aturou, na xestión da súa tumba e nas dúas interpretacións post mortem da súa obra, recantos que estudou durante máis de seis meses o doutor en Filoloxía Galega Xurxo Martínez, quen presentou un relatorio na Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago que sairá publicado na revista Follas Novas, da fundación da poeta, a próxima primavera. «Houbo unha reacción social da emigración galega para coidar a Rosalía, pero en Galicia, non. Aquí houbo silencio», láiase o investigador.

A derradeira fotografía de Rosalía, feita en 1884 por Palmeiro e fillos, na horta da casa da Matanza, con toda a familia.
A derradeira fotografía de Rosalía, feita en 1884 por Palmeiro e fillos, na horta da casa da Matanza, con toda a familia. Fundación Rosalía de Castro

Cuba envía 1.732 pesos de ouro

«La miseria seca el alma / y los ojos además», escribe na súa última obra, En las orillas del Sar, un poemario que abrangue a pobreza extrema e a dor existencial. Rosalía e Manuel Murguía nunca tiveron casa en propiedade, vivían de alugueiro e salvaban a situación como podían, mesmo vendendo libros da súa biblioteca ou pertenzas da nai dela en momentos de necesidade. «El fora expulsado da carreira de arquiveiro xusto cando ía cumprir os anos necesarios para cobrar unha pensión. Castigárano polo que representaba política e culturalmente», sinala este experto no século XIX. Na década dos anos setenta, o intelectual rexionalista marcha a Madrid a dirixir unha revista, mentres a poeta e os seus cinco fillos fican cuns parentes nas Torres de Lestrove, en Dodro. «Cando regresa, no verán de 1882, a familia trasládase á casa da Matanza, que está arruinada e abandonada. Na seguinte primavera, xa se sospeita que a enfermidade de Rosalía é grave e, un ano antes de morrer, sábese que está nunha situación moi delicada economicamente», engade.

Quen dá a voz de alarma é o xornalista Javier Valcarce, que tras visitala publica un artigo en El Tricornio, onde denuncia a auténtica penuria que sofre. A noticia recóllese deseguida nun xornal da emigración galega en Cuba, El Eco de Galicia, dirixido polo tamén rexionalista Waldo Álvarez Insúa. A triste nova mobiliza ao Centro Gallego de La Habana, que inicia unha subscrición para conseguir cartos. «Son os emigrantes os que sosteñen a Rosalía no seu último ano e medio de vida. Envíanlle 1.732,86 pesos de ouro. Aquí, algunhas familias, como a do alcalde de Padrón, Ángel Baltar, colaboran co matrimonio, pero non hai a reacción social que hai en Cuba», explica. O certo é que os emigrantes dubidan de que a poeta acepte a súa axuda e contactan cun intermediario na Coruña, pero este, tras consultalo con Baltar e convencido de que a rexeitará, decide non contarlle nada á enferma e contestar no seu nome, agradecendo a esmola.

Xurxo Martínez, doutor en Filoloxía Galega e autor do relatorio «O mausoleo de Rosalía».
Xurxo Martínez, doutor en Filoloxía Galega e autor do relatorio «O mausoleo de Rosalía». Hadrián Márquez

Unha esmola que van mandando en diversas remesas e que daquela permitía mercar a casa da Matanza, como lle recomendan facer os expatriados, aínda que ela decide gardala para imprevistos. «El Centro Gallego de La Habana, confirmando su generosidad [...], ha reunido por segunda vez la cantidad de 500 duros [...] con encargo de entregarlos a la tierna cantora de esta amada región galaica», pode lerse en La Voz do 3 de marzo de 1884, case ano e medio antes do seu pasamento.

Gustábanlle a Rosalía os alcumes relativos ás aves cantoras. A primeira en bautizala foi a súa admirada Fernán Caballero, alias da tamén escritora Cecilia Böhl de Faber, quen nunha misiva datada o 25 de xaneiro de 1864 faille unha petición: «Déjeme V. que la llame dulce ruiseñor de Galicia». Este sobrenome, que saca á luz un ano despois Félix Moreno Astray, tras confesar que a poeta lle amosara esta carta, vai ser empregado dúas décadas máis tarde en El Ciclón, nun artigo titulado O niño d'o ruiseñol, onde tamén se denuncian as condicións ruíns da súa morada. É unha fórmula semellante á usada por Valentín Lamas Carvajal, quen a designa como «a rula de Galicia».

A casa da Matanza, antes de ser restaurada, é hoxe a sede da Fundación Rosalía de Castro.
A casa da Matanza, antes de ser restaurada, é hoxe a sede da Fundación Rosalía de Castro. Fundación Rosalía de Castro.

«He visitado a la insigne Rosalía de Castro, la cual está bastante enferma. ¡Pobre cantora! Allí está en su casita de solana [...]; allí está empapada en sus penas cual golondrina que herida bajo el ala se acurruca en su nido para morir anhelando el último pío», escribe o primeiro redactor-viaxeiro de La Voz, Lisardo Barreiro, o 21 de abril de 1885. «¡O ceo che garde, cal ouro en pano, ruliña distes verxeles, pensei pra min o dar a despedida á nosa cantora, alí deitadiña no seu 'niño de ruiseñol' quedaba esmorecida cal o paxariño que non ten folgos», publica o xornalista oito días despois.

O 8 de xullo, unha semana antes de morrer, fai a última saída da casa da Matanza para ir á praia. «Ha llegado a la villa de Carril la distinguida poetisa», informa o diario de Juan Fernández Latorre. «Ni la pobreza que abate, ni la miseria que humilla [...] / Existen para el que siente que se deslizan sus horas», reflexiona no seu derradeiro poemario. Prostrada na cama, delira e pide divisar a ría de Arousa: «Abride as fiestras que quero ver o mar». Son ás doce do mediodía do 15 de xullo. Cando chega Murguía, que viaxara a Santiago, recibe a noticia e descobre na horta unha fogueira onde arden as obras inéditas de Rosalía. «Acabáis de quemar la gloria de vuestra madre y la fortuna vuestra», bérralle ás fillas, que só cumpriran a vontade da moribunda. As cinzas corresponden a Historia de mi abuelo, unhas memorias que, segundo Xesús Alonso Montero, finado a semana pasada, agocharía aínda hoxe unha familia de Compostela, e un libro de poemas, titulado Postrimerías, do que se salvaron algúns versos: «Morir... esto es lo cierto / Es sueño lo demás, mentira y humo / Y del abismo inmenso / Un cuerpo sepultouse en lo profundo».

Telegrama desde Padrón sobre a morte da poeta.<br />«Rosalía Castro de Murguía, la insigne poetisa gallega; la que supo arrancar a las cuerdas de su lira los melancólicos acentos que pone la nostalgia en los labios de todos los hijos de esta tierra [...]. ¡La que tantos días de gloria ha dado a Galicia dejó de existir!». La Voz foi o primeiro medio escrito que informou sobre o pasamento da escritora, que morreu ás doce do mediodía do 15 de xullo de 1885.
Telegrama desde Padrón sobre a morte da poeta.
«Rosalía Castro de Murguía, la insigne poetisa gallega; la que supo arrancar a las cuerdas de su lira los melancólicos acentos que pone la nostalgia en los labios de todos los hijos de esta tierra [...]. ¡La que tantos días de gloria ha dado a Galicia dejó de existir!». La Voz foi o primeiro medio escrito que informou sobre o pasamento da escritora, que morreu ás doce do mediodía do 15 de xullo de 1885.

Tras o falecemento da poeta, publícanse artigos sobre a interpretación do seu legado. «Hai dúas tendencias. Unha que pon en valor a figura que canta a paisaxe, os costumes e as tristezas dos emigrantes. E outra, máis política, que pon o acento na lingua, a identidade e a liberdade de Galicia», salienta Martínez. A inicios de setembro, o Círculo de Artesanos de Coruña organízalle unha homenaxe, presidida por Emilia Pardo Bazán. «O que fai nese acto é condenar a obra de Rosalía. Di que os 'poemitas' de Follas Novas non están á altura literaria que esixen os temas profundos, e que o galego non é unha lingua apta para este tipo de pensamentos», agrega, convencido da envexa que padecía a condesa. Unha censura que acaba secundando Emilio Castelar, expresidente da República e prologuista antes entusiasta da obra agora criticada.

As pulseiras de Emilia Pardo Bazán

Murguía dá testemuño da pugna velada que a nobre mantiña coa súa muller. «Contaba que Pardo Bazán mercaba os libros que Rosalía vendía a un libreiro cando tiña dificultades, e logo pasaba por diante da súa casa, na rúa Príncipe da cidade herculina, axitando as mans para mover as pulseiras de diamantes. Se lle fixo isto en vida, que homenaxe pode facerlle de morta?», pregúntase o experto. O viúvo mastigou moito a súa vinganza e agardou ata 1896 para publicar por entregas en La Voz Cuentas ajustadas, medio cobradas. «É un ataque feroz e dun machismo rampante», estima.

A condesa Emilia Pardo Bazán.
A condesa Emilia Pardo Bazán.

En outubro, dous meses e medio despois do pasamento da poeta, un xornalista visita a súa tumba e escribe un artigo denunciando que tivo que falar cun sancristán para atopala porque non ten lousa nin cruz. De novo, os emigrantes galegos en Cuba son os primeiros en abrir unha subscrición para erixirlle un mausoleo en Padrón, mais recadan poucos cartos e piden a colaboración da Real Sociedad Económica de Amigos del País. «Esta prestixiosa institución acepta, pero decide que o corpo debe ser trasladado a Santiago, pese a que desde A Habana advirten que non era esa a vontade da escritora», recorda o autor do relatorio. Non obstante, acadan a aprobación de Murguía e barallan enterrala no Pórtico da Gloria da catedral ata que a Igrexa se nega, por ser lugar de oficio, e optan por San Domingos de Bonaval. En 1891, cargan o cadaleito nun tren que chega á vella estación de Cornes, en Conxo. «Recíbeo unha manifestación multitudinaria, popular e institucional. O cortexo fúnebre para na praza da Universidade, onde o líder republicano Alfredo Vila fai unha intervención política desde o balcón dunha casa que habitara a defunta e que hoxe é a sede do Instituto da Lingua Galega», coida o estudoso.

O sepulcro de Rosalía de Castro, no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
O sepulcro de Rosalía de Castro, no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Dicía Xosé Neira Vilas, ao tornar de Cuba, que os emigrantes tiñan dúas maneiras de lembrar a Galicia: cun cacharro con terra da súa aldea e cunha foto de Rosalía. Choraban cando lles recitaban os seus versos.