Brown e Follett copan as vendas

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os gañadores de premios literarios figuran entre os títulos máis demandados

10 nov 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

Tal e como están as cousas, que un autor logre situar unha obra súa no listado dos libros máis vendidos é todo un éxito. Porén, ese privilexio parece reservado a uns poucos, capaces de arrastrar multitudes na busca dos seus títulos. De feito, se un consulta en Internet a relación de volumes máis demandados este ano en España encontrará moitas similitudes co que se pode elaborar partindo da experiencia dos libreiros barbanceses. Efectivamente, Ken Follett e Dan Brown copan as vendas.

Infierno e Origen, do estadounidense Brown, autor doutros títulos que no seu día foron un fenómeno editorial como El código Da Vinci, son dous títulos que figuran entre os máis vendidos nos establecementos da comarca. Xunto a eles, aparece tamén El umbral de la eternidad e Una columna de fuego, do autor de Los pilares de la Tierra, Ken Follett.

Estes son os dous autores que cita practicamente calquera libreiro ao que se lle pregunte, que tamén coinciden á hora de apuntar o tirón que teñen os premios literarios: «As sagas e as novas publicacións de autores recoñecidos teñen saída, e tamén se notan moito as campañas fortes das editoriais. Outro libro que se vende sempre é o gañador do Premio Planeta», sinalaban na libraría Ben de Rianxo. Así que El fuego invisible, de Javier Sierra, ten todas as papeletas para converterse no próximo best seller.

Fenómeno nacional

A pesar do indiscutible liderado de Brown e Follet, hai vida máis alá destes autores, e, por exemplo, en Ler destaca entre os máis vendidos Patria, de Fernando Aramburu, un dos títulos do ano a nivel nacional e tamén na libraría pobrense: «Desde hai seis meses é o máis demandado, é unha venda lenta, pero constante», explica Cipriano Pose, que ademais recomenda vivamente a súa lectura: «É un libro moi obxectivo, moi bonito de ler e que serve para ilustrarnos aos que non vivimos o conflito no País Vasco. Ten unha intrahistoria moi bonita, moi forte e moi dura».

En Sementeira, de Noia, é outro título nacional o que figura entre os máis demandados, e din ademais que con moita diferenza. Fariña, de Nacho Carretero é o que máis saída está tendo, xa desde o ano pasado, e supera con moito a outros autores que acostuman figurar coas súas obras nas listas dos títulos con mellor acollida entre o público, como Isabel Allende ou Javier Marías.

Pérez Reverte é outro autor ao que se cita, mentres que tamén se destaca o empurrón que supón para algúns libros ser adaptados ao formato audiovisual. Ocorreu, por exemplo, con El tiempo entre costuras. Por último, Megan Maxwell e as súas novelas románticas tamén se colocan entre os máis vendidos.

Pérez Iglesias, Riveiro Coello e Eli Ríos teñen máis tirón en galego

Outro aspecto no que coinciden os libreiros da comarca é en que a venda de títulos de literatura galega vai moi por detrás da que se rexistra de volumes en castelán. Inma Blanco recoñecía que se comercializa «moi pouquiño», e comentaba que os que teñen saída soen ser os que se piden nos centros educativos, coma Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias.

Con todo, cando se pregunta especificamente por libros en galego, hai algúns autores que se citan repetidamente. É o caso de Antón Riveiro Coello, que vén de publicar Á sombra dos bonsais con bastante éxito, polo que se desprende da opinión dos profesionais do sector barbanceses. No ámbito da literatura galega os premios literarios tamén teñen tirón e Eli Ríos, gañadora da primeira edición do Torrente Ballester con Luns, é outra das autoras citadas polos libreiros.

 Neste eido destaca a literatura infantil, con edicións como as de Kalandraka, como explican na libraría Ben: «Ata os 5 ou 6 anos practicamente todos os libros que se venden para os rapaces son en galego, pero logo hai un cambio».