Fumando espero

Eme Cartea DESDE FÓRA

BARBANZA

01 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando uns periodistas lle preguntan a Marilyn Monroe sobre os seus intres máis felices, responde: «O pracer que ocorre entre un whisky antes e un cigarro despois». Pero para nós, a máis famosa referencia ao tabaco vénnos do tango español, interpretado pola cancionista María Antonia Alejandra Vicenta Elpidia Isidora Abad Fernández, alias Sara Montiel, o rostro máis fermoso, sensual e fatal do cinema español: «Fumando espero al hombre que más quiero...».

Neste alborecer outonal, non vou insistir en que o tabaco é un pracer para a persoa adicta, nin en que os 600 aditivos matan, activa ou pasivamente; nin nas atencións e cuantiosos recursos públicos que consume. Todo isto é ben sabido. Como o é que as leis de «deshabituación tabáquica» do 2006 e do 2011 foron moi oportunas e, en xeral, aceptadas e respectadas.

Fago esta reflexión mentres contemplo, dende a miña ventá, unha parella de mozos que, baixo un portal, se recollen da anhelada chuvia que nos saúda necesaria neste epílogo vacacional. El, a fumar con frenesí; logo ela remata o cigarro con tres extasiadas caladas, e tira a cabicha no chan. Sen pudor. Como un xesto mil veces ensaiado e asumido como normal.