Moitos dos que len e dos que non len esta ventá entenden que os que defendemos as políticas liberais para arranxar as eivas dos dous servizos públicos máis importantes da nosa sociedade, como son o ensino e a sanidade, suporían unha atención diferente entre ricos e pobres, o que non é doado rebater por mor do decurso destas catro derradeiras décadas en que case se desmantelou a meirande parte da infraestrutura privada nestes dous campos. Sen embargo case ninguén dubida de que hoxe en día os ricos poden levar e levan os seus fillos ás escolas privadas e confían a procura da súa saúde a prestixiosos centros sanitarios privados. Vou tentar refutar este desconcerto cun exemplo gráfico.
Se o mundo da discapacidade física e sensorial é moi complexo, moito máis complexo é cando se trata da psíquica. Veño seguindo especialmente a traxectoria da asociación Amicos, xa que aínda que os que fundamos Ambar incluíamos a este colectivo nos nosos estatutos, non é menos certo que pouco ou nada soubemos facer nese ámbito. ¿Entón porque está funcionando ben a plataforma de Boiro? Por algo tan sinxelo como que a súa xestión é privada e coa implicación dos afectados o que, ademais do moi loable mecenado que o grupo Jealsa patrocina, permite acadar financiamento público e, racionalizando recursos, facer un gran labor.
¿Alguén podería pensar que se a Xunta se fixese cargo da súa xestión funcionaría mellor e custaría menos? Non, pero ademais calquera sabe que para repartir primeiro hai que ter. Calquera menos os social-comunistas que ata poden repartir fume.