«A miña maior satisfacción é ter contentos aos maiores»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Colleu o relevo de Cipriano Argibay a finais de xullo

09 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde hai un par de meses, a presidencia do Club de Xubilados de Ribeira está en mans de Manuel Romero. Ela levaba catro anos formando parte da directiva que lideraba Cipriano Argibay e considerábase preparada para asumir o reto. Os socios da entidade déronlle o seu respaldo e a día de hoxe está totalmente implicada na organización de actividades co fin de ofrecerlles aos maiores do municipio alternativas para o seu tempo de lecer.

-¿Que a levou a animarse a asumir a presidencia do club?

-Cipriano levaba quince anos na presidencia e o certo é que estaba cansado. Como eu xa formara parte do seu equipo, decidín que era bo momento para relevalo. El sigue formando parte da directiva e colaborando comigo.

-¿Cal é o seu cometido como presidenta da entidade?

-Ofrecémoslle aos xubilados diversas actividades para que pasen o seu tempo libre. Sen ir máis lonxe, este domingo irán dous autobuses á Festa do Marisco do Grove. Tamén organizamos bailes e xogos.

-¿Cales son as fontes de financiamento do club?

-Aquí os socios non poñen un patacón. É certo que teñen que pagar as persoas que veñen aos bailes e as que participan nas excursións. Da cota que lle poñemos, ás veces sobra unha pequena parte, e eses son os cartos que logo temos para organizar outras actividades. Agora xa non temos axudas pero, en caso de que veña algunha, destinámola a realizar melloras no local, pois sempre hai algunha obriña pendente.

-¿A que aspira como presidenta deste colectivo?

-A miña maior satisfacción é ter contentos aos maiores de Ribeira. Eu non pido nada a cambio, só traballo para o ben dos xubilados.

-Desde que asumiu vostede a presidencia, ¿produciuse algún cambio?

-A verdade é que seguimos coa liña da directiva anterior. Algún pequeno cambio sempre hai, pois ao ser nova presidenta, empezas con ilusión. Ademais, eu teño 69 anos e considérome unha persoa moi activa. Tampouco podemos innovar moito, pois hai que ter en conta que os destinatarios das actividades que promovemos son persoas maiores que teñen as súas limitacións.

-¿Cales son as actividades que máis aceptación teñen?

-Aos maiores encántanlle as excursións. Na do domingo, por exemplo, van participar un cento de persoas. Logo tamén teñen éxito as comidas. Temos cada ano dúas: unha de confraternidade e outra dos namorados.

-¿Xa hai calendario de excursións para as vindeiras semanas?

-Non, pero rápido se organizan, por iso non hai problema. Para o mes imos facer unha saída á zona de Vigo. Case todos os meses organizamos un par de excursións.

-E no local, ¿como se entreteñen os socios?

-Sobre todo, coa brisca e o bingo. Logo hai outras actividades, como os cursos de palillo ou os organizados polo Concello.

manuela romero presidenta do club de xubilados de ribeira

«Ofrecémoslle aos xubilados diversas actividades para que pasen o seu tempo libre»

«Case todos

os meses organizamos

un par de excursións»