Dramática estatística

Carlos F. Coto

BARBANZA

23 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Acrise produce estragos na evolución estatística de operacións inmobiliarias de compravenda: a caída do 62% nun ano é un dato estrutural e de gran calado, digno do estudo dos sociólogos.

Aínda que é comparable coa diminución do número de vivendas construídas, hai unha diferenza propia da idiosincrasia do noso país, no que boa parte delas non se computan porque nacen da autoconstrución, é dicir, da promoción da propia vivenda, polo que o concepto de compravenda refírese exclusivamente ás vendidas por promotores inmobiliarios a terceiros e á venda de segunda man.

Hai dous elementos comúns entre vivendas construídas e vivendas vendidas, no que ao parón se refire, que son a ausencia de traballo e de crédito bancario, que levan consigo a imposibilidade de moitas familias de adquirir unha nova vivenda, pero hai que mirar outros elementos que poden ter incidencia nas dramáticas estatísticas.

Desgraciadamente, o mercado inmobiliario está suxeito á oferta e á demanda, polo que se deu a circunstancia de chegar a pagar prezos que non se corresponden coa calidade, tanto construtiva como urbanística, circunstancia que hai que vincular coa inchada de prezos pensada para turistas e segundas residencias, para capacidades adquisitivas superiores á media comarcal, coa especulación por medio. Sempre tiven claro que este modelo territorial é prexudicial para o pobo, porque acaba incrementando os prezos ata límites aos que non podemos chegar cos salarios da nosa xente.

Os bancos e caixas tamén estiveron implantando un egoísta sistema de financiamento no que o valor de taxación era superior ao real da vivenda, polo que neste momento é superior o importe da hipoteca que o propio valor de mercado.

Estes factores dan lugar a que non se leve a cabo a compravenda de vivenda usada, xa que os donos rexeitan a idea de vender a súa vivenda por un prezo inferior ao que pagaron, e nalgúns casos vendela por un prezo inferior ao da hipoteca. No que respecta á vivenda nova, os promotores colectivos tampouco atopan compradores fóra porque a segunda residencia é un luxo prescindible en tempos de crise.

Aínda hai familias que precisan unha casa, pero non a calquera prezo: é unha dramática situación cuxo final descoñecemos.