Abrir os templos

Francisco Ant. Vidal< / span>

BARBANZA

Como na última fin de semana de outubro se celebra o día das catedrais, e eu son un curioso dos templos, convencido de que en cada época da historia, sabendo a quen se lle reza sábese ó que se teme, quero aproveitar para pedir portas abertas neses lugares que conservan a razón dos nosos medos desde tempos antigos. Un vixiante por igrexa curaría o endémico mal do desemprego e permitiríanos ver os templos en hora laica.

A última catedral que visitei foi a que se considera como a máis antiga da península, e tal vez tamén de Europa, que sería o mesmo que dicir do mundo, a de san Martín de Mondoñedo, en Foz, onde exerceu o seu bispado san Rosendo con só 13 anos, e o famoso Bispo Santo, aquel que afundiu toda unha escuadra viquinga con só axeonllarse. Logo, cando non había bispo santo que os protexese, a sueva sede mindoniense de Foz procurou refuxio en terras interiores e trasladouse ó actual Mondoñedo.

Sempre me gustou esta basílica polas moitas historias que garda e tamén pola iconografía que nos fala do pensamento que imperaba en Galicia entre os séculos sétimo e noveno, sen embargo son moitas as veces que só puidemos vela desde fóra por falta de alguén que a abrise, un problema que se estende á maioría das igrexas rurais, as máis propensas a ser vítimas dos roubos de pezas de arte, sen desmerecer do Códice Calixtino.

As catedrais foron cambiando cos anos, e onde nun principio se pretendía facer un lugar de recollemento, o gótico vén a convertelas en aduladores pazos dignos da grandiosidade da divina persoa, e o barroco a facernos temer o transo da morte, polo que ó largo dos séculos nelas acumuláronse as obras que nos falan da ideoloxía de cada momento, se é máis importante o Cristo xacente que nos dá pena ou o Xesús humano que cura enfermos de corpo e alma.

Hoxe en día as catedrais xa non son eses templos nos que se procura a sintonía coa forza divina, senón museos desordenados que ninguén se molesta en explicar. As principais obras de arte retíranse a un claustro con acceso restrinxido, onde se expoñen previo pago dunha entrada que raramente repercute na conservación de tan fabuloso patrimonio, o cal, por moito que se diga, non é da Igrexa, senón do pobo que o inspirou e a quen foi dedicado.

Todos temos anécdotas que contar do noso deambular polo mundo, e podería contar como fun interpelado na catedral de Lugo por unha beata que non soportaba ver como me paraba a admirar unha imaxe sen recitar unha xaculatoria, ou como me tiven que enfrontar a un vixiante da de Toledo que, ó verme a cámara en bandoleira, quería cobrarme unha entrada.

Como hoxe estou reivindicativo, reivindico que se abran os templos, que se é necesario se saque do cepillo para pagar un garda, pois seguramente sexa máis humano crear un posto de traballo ca recadar para as ánimas do purgatorio.

E que nos deixen ver as obras con que os nosos devanceiros trataron de mostrarnos en cada época os seus medos, as súas preocupacións e a ansia dun mundo mellor, xa sexa na catedral de Santiago ou na igrexiña de san Tirso de Oseiro.