Cestos de pedra e de bronce

La Voz

BARBANZA

ai uns días lin en La Voz que ían facer unha escultura na praza de España, unha escultura dedicada á actividade industrial dunha coñecida empresa, usando como motivo a uns mariñeiros e sardiñas, carretando cun cesto delas. Para min o máis grave é manipular o sufrimento destes, e ás eminencias da cidade só se lles ocorreu protestar porque o escultor elixido non era de Ribeira, non hai xa bastantes mariñeiros inmóbiles.

Sempre din que nesta cidade non temos a quen dedicarlle monumentos. O máis difícil é decidir quen os merece. Eu teño unha tendencia a mofarme e rirme das intencións moralizantes. Pero debemos falar en serio, temos algúns personaxes, animais e cousas a quen homenaxear. Quero nomearvos algúns: Persoas como Manuel Acuña y Malvar, cura constitucionalista defensor de Galicia ante a invasión francesa e mais dos labregos e mariñeiros de Carreira; as heroínas de Sálvora, que se lanzaron a salvar aos náufragos do Santa Isabel; Romero Ortiz, que foi benefactor desta cidade; os fomentadores, familias galegas, vascas, valencianas e catalás que viñeron a facer industrias; carpinteiros de ribeira coma Saavedra; mestres e médicos, foráneos e da casa, que viñeron a pulir as nosas mentes e coidar os nosos corpos. A todas as xentes que chegaron ao final dun camiño, á procura dun futuro: afiadores, comerciantes, feirantes e outras xentes que se quedaron entre nós. Hainos tamén vivos: os heroes do chapapote ou deportistas coma os Suco.

Cousas tamén hai moitas: o sal, a música, o vapor, a pedra e os canteiros, o vento, o barro das tellas, o motor de explosión interna, xunguido a isto as familias que construíron motores aquí: HMR e Willichs; e a madeira coa que os Ayaso, Primero, Gayudo... daban corpo ás dornas.

Animais domésticos e salvaxes, por enriba de todo os peixes e os cabaliños de verdes bigotes do Barbanza, encomiados por García Bayón e Xoán Fernández, a rubia galega, os porcos etc.

Hai outros factores, como por exemplo a intención artística ou estética, que é un valor engadido. Para isto teriamos que racionalizar, unha vez elixido o motivo. O seguinte é buscar ao escultor que mellor poida representar esa intención, non tendo por que ser local nin eu, senón bo. Iso faise por concurso ou por artistas de recoñecido prestixio. Doutra maneira, caeremos no localismo. O máis difícil é seleccionar un xurado (pero, ¿quen vixía ao vixilante?).

Se só queredes cestos, redes, mariñeiros, bonecas, damas de casa, e outros máis enxebres, xa tedes o que vos merecedes. O meu irmán sempre me di que en Ribeira non paga a pena espremer os miolos, pero eu coido que aínda se pode facer algo e que, malia todo, só quérome facer ouvir, dende o meu exilio que grazas a Internet é coma se estivese aí mesmiño.