Xogando con Barbanza

Cristina Torres

BARBANZA

Turmas Terrae é unha iniciativa que pretende dar a coñecer o patrimonio da zona dun xeito ameno

17 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Tanto a comarca de Barbanza como a Costa da Morte poden presumir de ser famosas. Tanto é así que teñen un xogo dedicado en exclusiva a elas.

O proxecto denomínase Turmas Terrae, e baixo os subtítulos de Cada xogo unha viaxe e Unha terra chea de vida, os participantes pódense facer unha idea dos obxectivos que se pretenden conseguir.

A iniciativa busca que a xente coñeza o patrimonio artístico, natural e humano e a gastronomía da zona. Para logralo, ideouse unha especie de Trivial que versara sobre o lugar. Os xogadores deben contestar a cuestións como: ¿De que século é a capela da Guadalupe?, ¿en que merendeiro se celebra a festa da orella sonense? , ou ¿que gran río separa Noia de Outes? Estas son so algunhas das preguntas das 500 que contén.

En total, o proxecto abarca a vinte municipios, entre os que están Muros, Outes, Noia, Lousame, O Son, Boiro e Rianxo. A cada un deles correspóndenlle 24 cuestións, seis por cada unha das catro categorías.

Fácil

A dinámica do xogo é sinxela. Nel poden intervir ata seis participantes, cada un deles cunha ficha diferente que representa un medio de transporte.

Cada xogador avanza no taboleiro o número que lle indica a tiraxe do dado. Segundo a cor da casa, a pregunta será dunha categoría ou doutra. Así as amarelas son de patrimonio humano, as azuis refírense aos monumentos artísticos, as verdes versan sobre a paisaxe e as vermellas tratan da gastronomía. Se se acerta, vólvese a tirar, se non, pérdese a quenda. O primeiro participante en chegar ao logotipo central de Turmas Terrae é o gañador.

Sen embargo, para que non sexa tan sinxelo, hai unha serie de casas desfavorables que obrigan a comezar de novo, polo que máis vale apuntar ben e tentar non caer nelas.

Fixéronse en total uns dous mil exemplares do xogo, que se repartirán tanto nos colexios como nas entidades culturais e nos concellos.

Proposta europea

A idea é unha iniciativa do programa europeo Interreg III. Nel inclúese o proxecto concreto Turmas Terrae, que se orienta ó desenvolvemento de plans medioambientais e turísticos, para fomentar entre a xuventude o coñecemento da historia, a xeografía, e a cultura da zonas do Barbanza e da Costa da Morte.

Incluíuse a estas dúas áreas porque formaban parte do Plan de Dinamización que se elaborou tras a catástrofe do Prestige .

O traballo para sacar adiante esta idea durou uns catro meses entre a recollida e a organización da información. Foi coordinado pola deputación da Coruña, que preside Salvador Fernández. Esta entidade contou tamén coa colaboración dos axentes de desenrolo local e cultural dos diferentes concellos que participan.

O obxectivo do xogo é que a xente coñeza tanto o patrimonio como as costumes da súa zona dunha forma divertida.