DENDE FÓRA | O |
16 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.COÑEZO BASTANTE ben o estes días nomeado concello murciano de Torre Pacheco, onde ocorreu un soado secuestro dun neno de doce anos. Todo fai sospeitar que os actores son inmigrantes dunha etnia que posúe unha cultura específica e con hábitats propios e, desde logo, que tal cultura, en ren, se asemella á nosa dende a perspectiva relixiosa, socio-cultural ou de valores da sociedade occidental. Sen embargo pódese dicir que, entre os autóctonos do lugar, non hai sentimentos racistas, senón de moito acorro con esas persoas que debuxan unha peculiar paisaxe multicolor, baseada nos tradicionais mercados, mesturándose todos sen rexeitamentos nin discriminacións. O que si hai é unha xeral percepción de que, sendo moi importante e necesaria a inmigración, esta non se pode soster dun xeito descontrolado, na que a presión da oferta sobrepasa calquera posibilidade de demanda, cos perigos que as carencias supoñen. Moitos, moitísimos cidadáns desta bisbarra, temos escoitado dos nosos mariñeiros de como aguantaban os fríos de Terranova e os calores do Mar Vermello, pero sempre debidamente enrolados, do mesmo xeito que, con carácter xeral, os nosos emigrantes, dende Suíza ata Arxentina ou dende Cuba ata Australia, tiñan un contrato e un acollemento previo. Eu son dos que penso que moitos dos problemas que temos en Galicia, como é a desruralización, pasa por fomentar a inmigración. O que me produce desacougo é que non sexamos capaces de aprender dos erros dos demais. Por exemplo, cae de caixón a proposta do deputado Lage Tuñas de que a Xunta recoñeza que os mariñeiros doutros países tamén teñan o seguro de accidentes. Pero coido que neste tema hai cousas máis importantes, como arbitrar políticas que preserven, ante todo, a nosa identidade. ¡Ollo coa avaricia!.