O auditorio de Catoira acollerá a preestrea da obra de monicreques «O monstro das cores»
CATOIRA
A función teatral terá lugar este sábado, 28 de febreiro
26 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Catoira acollerá este sábado no auditorio unha nova preestrea teatral, neste caso dun espectáculo infantil de monicreques que trata sobre as emocións e está baseado no libro O monstro das cores. Esta función represéntase de balde para a veciñanza como contraprestación a outra residencia artística na localidade, neste caso da compañía A Xanela do Maxín, que despois de estar na vila viquinga percorrerá outros municipios.
A directora da compañía, Celtia Figueiras, explica que ao longo desta semana, do 23 ao 26 de febreiro, todo o equipo está instalado no auditorio de Catoira dándolle o último empurrón ao espectáculo. «En A Xanela do Maxín tiñamos claro que precisabamos un teatro onde poder traballar con calma e en condicións reais: montar luces, probar videoproxeccións, escoitar o son no espazo, medir tempos no escenario... O auditorio municipal de Catoira deunos xusto iso: un espazo acolledor que nos fixo sentir na casa dende o primeiro día», asegura.
A dramaturga subliña que a idea de facer os ensaios en Catoira xurdiu mentres levaban a cabo unha actividade programada na biblioteca onde, en conversa co persoal da Concellaría de Cultura, púxose sobre a mesa a oportunidade de traballar no Auditorio viquingo con este espectáculo. «Estamos moi agradecidas polo agarimo e a disposición. Son días intensos, deses nos que o teatro se converte case nunha segunda casa», sinala a directora.