Praza europea para Raúl Fernández e 15 postos en finais A para os piragüistas arousáns no selectivo de Trasona
AROUSA
Fontán, Sieiro, Torrado, Oliveira, Novo e Portela gañaron o dereito a pelexar por praza nos barcos nacionais de equipo dentro dun mes
11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Máis aló do brillante rendemento de Manuel Fontán, o piragüismo do sur da ría de Arousa raiou a un gran nivel no primeiro selectivo da tempada para a confección dos equipos nacionais españois de piragüismo esprint. Cun segundo nome propio, o do catoirense de 19 anos Raúl Fernández Busto, padexeiro do CP As Torres-Romaría Vikinga, e con quince postos nas dez finais A disputadas no encoro asturiano de Trasona a pasada fin de semana.
Bronce o ano pasado no C2 500 Júnior do Campionato do Mundo, Raúl Fernández marcouse unha extraordinaria final no C1 200 do selectivo. Superado tan só por todo un campión do mundo, o cangués Pablo Graña, de 26 anos, gañador da praza para as dúas copas do mundo absolutas en 40 segundos e 14 centésimas, e mais polo poiense do Náutico O Muíño Adrián Sieiro, de 33 anos, segundo en 41,05. O de Catoira rematou terceiro cun crono de 41,54 que lle valeu a praza na proba de velocidade da canoa no Campionato de Europa Sub 23. Na mesma regata, Mateo García e Jairo Zurita, compañeiros de club de Fernández, foron oitavo e noveno.
Respecto ao resto dos postos arousáns nas finais A de Trasona, Sieiro foi cuarto na de C1 500, Pedro Torrado (As Torres-Romaría Vikinga), sétimo na de C1 1.000, a grovense Valeira Oliveira (Piragüismo Poio), sétima na de C1 500 e oitava na de C1 200 femininos, e Nerea Novo (Náutico Pontecesures), novena e última nas dúas regatas da canoa feminina. Ademais, a canguesa Teresa Portela, veciña do Grove, rematou segunda na final do K1 200 e cuarta nas dúas finais programadas pola Real Federación Española de Piragüismo no K1 500 feminino.
Fontán, Sieiro, Torrado, Oliveira, Novo e Portela conseguiron coas súas actuacións en Trasona o dereito a optar o vindeiro mes a un barco de equipo do programa olímpico no segundo selectivo da tempada da Real Federación Española de Piragüismo.