O éxito en Trasona non desvía a Manuel Fontán: a travesía aos Xogos Olímpicos de Los Ángeles pasa polo C2

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Manuel Fontán gañou a final do C1 500 e rematou segundo na do C1 1.000 do selectivo nacional de embarcacións individuais para as dúas primeiras copas do mundo.
Manuel Fontán gañou a final do C1 500 e rematou segundo na do C1 1.000 do selectivo nacional de embarcacións individuais para as dúas primeiras copas do mundo. RFEP

Inda gañando a praza no C1 1.000 do equipo nacional a pasada fin de semana, o vilanovés priorizará a clasificación para a canoa dobre como vía para comezar o camiño cara a gran cita do 2028

11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Partía Manuel Fontán o pasado venres entre os nomes a ter en conta no encoro asturiano de Trasona na pelexa pola praza no C1 500 e os dous billetes no olímpico C1 1.000 nas copas do mundo de Szeged (Hungría) e de Brandemburgo (Alemaña) que en maio abrirán o calendario internacional de piragüismo esprint. O vilanovés, padexeiro do Náutico O Muíño de Ribadumia, rematou o primeiro selectivo para a confección dos equipos españois fixado pola Real Federación Española de Piragüismo neste 2026 pola porta grande, impoñéndose con contundencia na final da canoa masculina do medio quilómetro e rematando segundo na dos mil metros, a só 81 centésimas de segundo do madrileño Daniel Grijalba. Ambos os dous gañaron deste xeito o dereito a iniciar en Szeged un duelo que, en función dos resultados nas dúas primeiras copas do mundo, podería decidir tamén o titular español nos campionatos de Europa e do Mundo. Con todo, os plans do arousán non van por aí.

«Estábame encontrando bastante ben en Mallorca, onde levo adestrando desde novembro. Ía ao selectivo coa intención de gañar o C1 500 e de facelo o mellor posible no 1.000. Conseguir praza no 1.000 si que me sorprende un pouco; fíxeno mellor do que esperaba», confesaba onte Manuel Fontán, xa de regreso á súa base de operacións na illa principal do arquipélago balear, onde traballa con Kiko Martín. Baixo a dirección do técnico andaluz, o galego pretende montar un C2 500 gañador cun dos dous integrantes do barco que se colgou o bronce na canoa dobre masculina nos Xogos Olímpicos de París, o madrileño Diego Domínguez.

Subcampión de Europa xuvenil de C1 1.000 no seu día, o padexeiro galego non ten reparo en explicar a razón da súa propia sorpresa ao verse pasando o corte para o equipo nacional na canoa do quilómetro en Trasona: «Case non preparei o mil. Non fixen nin sequera un test». Tanto é así, que disputou a final polos dous billetes internacionais sen una estratexia predeterminada. «Fun conservador, mentres Grijalba saíu moito más forte, e pola metade da regata sacábame bastante», recorda Fontán da final do barco olímpico, para continuar relatando que a falta de 300 metros deu un pequeno cambio «para que non achicara o barco, e a partir dos 200 finais din outro cambio e deixei o resto»; neste caso, basicamente xa ao pontevedrés Pablo Crespo, olímpico en París 2024 e o gran favorito en Trasona ata que un inoportuno virus estomacal reduciu as súas prestacións, relegándoo ao terceiro posto a 4 segundos de Grijalba.

Agora Crespo converteráse no principal fan de Fontán e de Domínguez no selectivo que o 9 e 10 abril se disputará no encoro de Verducido para determinar os integrantes dos barcos de equipo españois (K2, K4, C2 e C4) en Szeged e en Brandemburgo. E é que, sinala o vilanovés, «o meu obxectivo segue sendo facer dentro dun mes o C2 500 con Diego Domínguez e clasificármonos para as copas». E sendo incompatible a disputa das probas olímpicas de canoa individual e dobre nas grandes citas internacionais, di Fontán, «se consigo praza tamén no C2 500, renunciarei ao C1 1.000».

Fontán e Domínguez comezaron esta semana a pisar o acelerador para recuperar o tempo perdido pola operación de amígdalas á que se tivo que someter o madrileño en xaneiro, e que o obrigou a parar case un mes.