Da necesidade de plans para o turismo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O turismo é un fenómeno mundial popularizado ó redor dos anos 50 do século pasado e, desde aquela, Galicia é receptora del. A Constitución de 1978 sinala que a nosa comunidade autónoma ten competencia exclusiva para a súa promoción e ordenación e, actualmente, está en vigor unha curiosa lei, a 7/2011, que non regula o turismo en si, a pesar de denominarse Lei do Turismo, senón os seus axentes —aloxamentos, cámpings, restauración, guías, etcétera— e a promoción dos encantos de Galicia. Sinala catro deberes abstractos e xenéricos para o turista pero non tipifica ningún tipo de infracción nin sanción que se lle puidese impor, fronte á multitude delas nas que poden incorrer os hostaleiros. Reflicte a mentalidade de que o turista é un Midas ou un maná que nos vén enriquecer, ao que hai que abrir ben as portas, recibir como a un rei e que só é suxeito de dereitos. Non fala de limitacións, afluencias máximas, sostibilidade do entorno e parece como se os recursos naturais e patrimoniais fosen infinitos e indestrutibles e que os veciños dos destinos turísticos carecesen de dereitos ao seu entorno e á súa historia.

Hai uns días publicouse neste xornal que a Consellería de Medio Ambiente pedía ao Clúster do Turismo que achegase ideas para un plan de xestión do Xidoiro Areoso, que ten o seu interese na existencia de restos megalíticos e valores naturais, moito máis alá da visión que se dá del como dun Caribe galego. Efectivamente, faille falta un plan porque as súas riquezas, arqueolóxica e natural, non están protexidas. O mesmo ocorre en Adro Vello, coa maior parte da súa extensión dedicada a aparcadoiro e con construcións e unha estrada que o invaden.

A problemática de fondo, no Areoso, en Adro Vello, Con Negro, Castriños e noutros lugares da Illa ou de San Vicente, está a ser o excesivo número de visitantes estivais. É un conflito acentuado ata extremos insoportables coa proliferación e aumento de capacidade de cámpings e de instalacións hostaleiras diversas sen que existan dotacións de saneamento e de servizos suficientes —nin sequera para a poboación estable—, provocando unha invasión e abuso intolerables do territorio, e sen que se coñeza ningún afán para estudar o número de prazas turísticas que poden soportar as diversas zonas e os seus servizos para gozar dunha estancia racional, non danosa.

Por iso é incuestionable que ese plan que se pretende para o Areoso —como nalgúns aspectos se fixo para as Illas Atlánticas— habería que promovelo para outros lugares que padecen problemas semellantes. Teño moitísimas dúbidas de que eses plans, que deberían ter cobertura legal, haxa que facelos tendo en conta a visión das empresas turísticas ou se, máis ben, este sector deberase adaptar, como calquera outro, a normas que aseguren con preferencia a protección patrimonial e natural, sen priorizar con carácter preliminar os seus intereses.

Inclínome por que se asegure primeiro a protección da riqueza do Areoso e, despois, se vexa a posibilidade e intensidade do seu uso turístico; e o mesmo pido para lugares como Con Negro, Adro Vello ou as praias de San Vicente. Con todo o respecto que merece o sector turístico —en España o 15 % do PIB e case tres millóns de postos de traballo—, resulta claro que esa protección asegurará a permanencia e salvagarda dos patrimonios cultural e natural tamén como recursos turísticos e non provocará a súa desaparición e desvalorización a curto prazo. Hoxe é evidente que os principais e radicais inimigos do futuro do turismo son a masificación invasora e incontrolada dos recursos naturais e patrimoniais. Neste sentido, véñense dando dous fenómenos letais coñecidos como a xentrificación e a turistificación. Falaremos deles doutra volta.