«N.E.V.E.R.M.O.R.E.», a lúcida mirada de Chévere sobre a catástrofe do Prestige, chega a Vilagarcía o día 13

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Nesta ocasión, como noutras anteriores, a compañía aproveita o teatro para interpelar ao público e facerlle preguntas

05 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha obra de teatro. Pero tamén ten algo de documental, moito de exercicio de memoria colectiva doses impagables de enseño técnico. Pero N.E.V.E.R.M.O.R.E. é, sobre todo, un proxecto que pretende reconectarnos con quen eramos hai 19 anos, cando en novembro do 2002 un barco descoñecido, o Prestige, lanzou unha ameaza sen precedentes contra toda a costa galega. N.E.V.E.R.M.O.R.E. é a reedición, casi vinte anos despois, daquel berro cargado de indignación que percorreu Galicia: Nunca Máis. A obra chegará o día 13 de novembro —xusto o día no que se cumpren 19 anos do SOS do Prestige— a Vilagarcía de Arousa, a vila que a compañía Chévere, autora de todo isto, ten «como referencia da ría de Arousa», un dos frontes nos que se librou a guerra contra o chapapote. A través de testemuños recollidos por toda a costa galega, dos rexistros das conversas mantidas dende os centros de Salvamento, teceuse un relato «moi emocional, que pon enriba do escenario unha parte documental, unha parte poética... E a xente ri». Porque, malia a amargura que esperta o recordo do medo, da carraxe, da impotencia, lembrar o Prestige tamén é lembrar a valentía, a fortaleza, a afouteza duns pobos que se rebelaron contra o que parecía ser unha morte segura. «As mareas negras non se paran no mar», dicían. Nas Rías Baixas, parouse.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentou onte, canda Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, a peza que se subirá ao escenario do auditorio o día 13, a partir das oito da tarde. A entrada costa dez euros en Ataquilla.com. Con ese pase poderase gozar dunha coprodución de Chévere co Teatro Nacional, que abriu tempada no Teatro María Guerrero de Madrid, algo que «non sucede habitualmente con compañías de teatro galegas». Alá, a peza tivo unha magnífica acollida. Tamén aquí: en Santiago, recordaron os representantes da compañía, cada cita co público foi un rotundo éxito. Esa é a sensación que ten Chévere, que nesta ocasión, como noutras anteriores, aproveita o teatro para interpelar ao público, para facerlle preguntas, para axudalo nesa sempre desagradable tarefa de poñerse diante do espello e pensar que faría, cada un de nós, en circunstancias adversas.