«Cando tocas a arpa sintes que te evades e esqueces o resto do mundo»

AROUSA

Marta Quintana é unha desas artistas polifacéticas que aposta pola cultura ancestral. Esta tarde subirá ao escenario do auditorio municipal de Vilagarcía, dentro da xira «Vai de Camiño». Está a preparar o seu primeiro disco en solitario e confía en que este ano sexa prolífico no eido profesional.

-¿Qué sensacións ten nas horas previas á súa actuación en Vilagarcía?

-Sobre todo emoción porque ademais voume xuntar con Xoán Eiriz e Xoán Rubia. Será algo diferente e agradable, seguro.

-¿E qué lle pasa pola cabeza cando se senta á carón da súa arpa?

-Cando tocas sintes que te evades e esqueces o resto do mundo, o teu día a día.

-¿É moi complicado tocala?

-Ten a súa complicación. Toco a arpa céltica, non a clásica. É máis pequena e non ten pedais pero efectivamente non é nada sinxelo.

-¿Estamos nun bo momento ou a crise tamén afecta á música tradicional?

-É un bo momento porque a xente está máis aberta a escoitar novas músicas e novas expresións pero a crise déixase notar en todos os campos.

-¿Para cando o novo disco?

-De momento seguimos coa maqueta ás voltas. A gravación está prevista para o vindeiro mes de maio. É un traballo moi pensado, porque levamos con el case que dous anos. O certo é que infunde moito respecto pero é algo fermoso.