Premios ao traballo ben feito

La Voz

AROUSA

M. M.

O pombal O Nadal usa ser bo momento para os galardóns. Onte tanto os alumnos da escola de hostalería coma os gañadores do concurso do porto recibiron os seus diplomas

21 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O Porto de Vilagarcía fallou onte os premios do concurso de debuxo O meu porto e a miña cidade . Un certame no que este ano participaron nada menos que noventa alumnos de nove colexios do municipio. Os participantes foron nenos de entre 7 e 12 anos, que cursan estudios nos tres ciclos de Educación Primaria. Os gañadores - Ángel Grande Deaño , Yesi Vidal Miguéns e Marta Carregal Chedas - recibiron unha bicicleta, un estuche e un diploma, mentres que os segundos levaron cadea musical, estuche e diploma. Pero non só os nenos recibiron premio, senón tamén os seus colexios, premiados con 200 euros en material escolar. San Francisco, Piñeiriño e Arealonga son os tres centros que poderán aumentar os seus equipamentos grazas ao porto. E uns novos profesionais E os seus diplomas tamén recibiron os alumnos da escola de hostalería da Lanzada. Onte foi a despedida dun curso no que puideron aprender moitas cousas, pero no que tamén puideron demostrar que o traballo ben feito paga a pena. Quizais o seu bo labor teña moito que ver con que para o ano que vén a mancomunidade poida poñer en marcha de novo esta iniciativa. Cos alumnos quixo estar onte o delegado de Traballo en Pontevedra, Pedro Borrajo , que foi o encargado de entregarlles os seus certificados. Un agradable xantar Non sabemos se o labor dos xornalistas da comarca será ou non merecedora de diploma. Iso deben xulgalo vostedes. Pero o que si mereceu, polo menos, foi unha comida obsequiada pola Deputación. No restaurante Acebo estiveron o presidente, Rafael Louzán , e o vicepresidente, José Juan Durán , acompañados por xornalistas de todos os medios da comarca. Todos eles compartiron un xantar agradable, nun ambiente moi distendido, aínda que falando de políticos e xornalistas non resulte moi fácil de crer. Música para o Nadal E outro dos ingredientes que non poden faltar no Nadal é a música. Os alumnos da escola de música deron onte un concerto no auditorio. Trátase do primeiro concerto que ofrecen durante este curso, e nel puideron amosar os progresos que fixeron nas últimas semanas, desde que comezou o curso. Poderemos seguir observando os seus progresos, porque prometen un concerto cada trimestre. Seguro que os vilagarciáns xa están desexando gozar con el.