Historia das colleitas

La Voz

AROUSA

V. M.

XAVIER CASTRO A CULTURA DO VIÑO NA TERRA DO SALNÉS Aínda que baixa, a productividade das viñas do Salnés sempre foi maior á obtida noutras zonas

16 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Por un cúmulo de factores entre os que semella ter xogado un papel sobranceiro o descenso dos prezos e as dificultades de comercialización, o campesiño do Salnés, inducido tamén pola presión demográfica que lle obrigaba a realizar un aproveitamento máis racional do espacio cultivado, adicou atención preferente ó cultivo do millo. Esta interpretación de Pérez García paréceme a mellor documentada e perfilada. Non é posible establecer a productividade das distintas clases de videiras que existían no Antigo Réxime, por non aparecer especificado este dato nas fontes documentais. Pero cando menos sabemos que todas elas eran moito menos productivas do que chegaron a ser na segunda metade do século vinte. Considerábase que os viñedos máis ricaces do Salnés, situados invariablemente nas plantacións do litoral, que lograban frisar os 50 hectolitros por hectárea, tiñan alcanzado xa unha cota revolucionaria. Productividade Non admite moitas dúbidas que a productividade media das cepas tintas características do país («Espadeiro» -con 115 hl/ha», «Caíño» e «Tinta Femia») superaban en 1960 os 100 hl/ha. Facendo o promedio coas cepas de branco, moito menos importantes por ter sido máis reducida a extensión do seu cultivo, como o «Albariño» -con 80 hl/ha-, a cifra obtida non se sitúa moi lonxe dos 100 hl/ha. Podemos, deste xeito, estimar que os rendementos de conxunto aportados polos viñedos na segunda metade do século XVIII se situaban aproximadamente en arredor do 50% dos de 1960, ou quizais algo menos. Con todo e ser baixa en termos relativos (enténdese que comparados cos parámetros actuais) a productividade das vides cultivadas antano no Salnés sería superior á obtida noutras partes; isto tería sido así de resultar certa a apreciación realizada polo Padre Sarmiento, quen emprazaba ó Salnés entre as comarcas galegas máis productivas no século XVIII. Da a consulta do inventario de 1687 se colixe que tan só unha parte da poboación cultivaba a vide; concretamente había 517 colleiteiros en toda a Xurisdicción, o que representaba el 25-30 % de toda a veciñanza. Isto ven a significar que menos dunha terceira parte das familias dispuñan de vino da súa propia colleita. Rexistrábase este panorama nas áreas nas que o cultivo da viña revestía unha grande importancia xa que nas restantes a situación tería sido moitísimo peor. Vexamos a evolución da viticultura na vila que serviu de berce a Asorey. Huetz de Lemps estima que a producción de viño da zona de Cambados, entre 1590 e 1595, situábase nun promedio de 63 pipas e media, o que representa 285 hl. As Memorias de Jerónimo del Hoyo, de comenzos do século XVII, cifran a producción de viño, no conxunto del axuntamento de Cambados, en 130 pipas, pero tiña que ser bastante maior, posto que deixa sen consignar a producción dalgunhas das súas parroquias. Hoyo especifica cal era a xeografía do cultivo da vide a comenzos do século XVII; elaborábase viño nas seguintes parroquias do distrito de Cambados: San Vicenzo de Oubiña, San Mamede de Corvillón, Santa Mariña de Ozo de Cambados, Santa Cruz de Castrelo, Vila de Fefiñáns e San Adrián de Vilariño.