A súa última foto fíxoa na Mariña

estíbaliz veiga

A MARIÑA

ALFREDO IGLESIAS

A actriz e presentadora mariñana Estíbaliz Veiga lembra ao fotógrafo e guionista Alfredo Iglesias

08 abr 2021 . Actualizado a las 21:06 h.

Alfredo Iglesias era un home cheo de LUZ. Chegamos no outono á miña Mariña, nun sábado caloroso que a luz do sol enchía en cada recuncho. Primeiro estivemos «abrazando árbores» en Santa Eulalia de Bóveda, un lugar pechado ao público pero que esa tarde abriron para nós e alí, fixemos ioga. De todo isto o artista foi disparando instantáneas únicas. El e Alex, o seu eterno compañeiro, fixéronme o encargo de escribir para a súa Coralia sobre o meu xeito de amar a vida e a miña tan adorada Terra.

Faleilles, por suposto, de quen me ensinou a facelo. Meu avó que era gandeiro e agricultor e coidaba de cada unha dás almas que estaban ó seu cargo cun respecto e agarimo exemplarizante.

Eran outros tempos pero non lle fixo falta ser animalista para tratar ás «xatiñas» coma bebés que eran. Estaban nas cuadras ás noites pero tódolos días, ben cedo, o compromiso con elas era insalvable. Alindalas e muxilas era coma respirar na casa de Antonio de Ciprián. Iso é gran parte da educación que en Galicia nos forxa e nos define.

Alfredo marchou hai pouco para reunirse con meu avó e todas as estrelas que brillan e tamén, co vento que zoa.

A súa derradeira foto é esta da praia dos Castros, coa xente de Hola! Ola de Ribadeo e comigo. Xa estaba comezando a ascender aos ceos nese momento pero aínda ninguén o sabíamos, el igual si, pero como era tremendamente xeneroso e artista a máis non poder, seguiu firme e estoicamente hasta rematar no fin do día.

Este momento do día foi máxico, a metáfora perfecta para aquela foto que será como el veu a vida no seu propio «solpor calmo» da vida, de cor de rosa.

Nos Mestre Mateo deste sábado recordaremos a súa figura como profesional do sector, guionista de «Buscando unha estrela», «Miss Galicia», locutor dos 40 Principales, fundador de Radio Juniors, portadista de Álvaro Mutis, así como ilustrador para «Wiguetta» e ao final, Coralia.

 

Antes de «pechar» o obxectivo

O último retrato (como doe pensar nisto, por dicir último) foron as fotografías oficiais do presidente do Parlamento de Galicia. A última portada, a de Ribadeo, na praia dos Castros, despois o seu obxectivo, pechouse para sempre.

Alfredo, serás eterno coma o mar Cantábrico desde o meu Minorte. Grazas por tanto, coidádevos aí arriba.

* Estíbaliz Veiga, actriz e presentadora da Mariña.