«Todo o comercio mariñán aposta polas marcas e por certa calidade»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

La Voz de Galicia e Concello de Viveiro organizan para mañá un foro de debate en torno ao sector comarcal

03 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, no salón de usos múltiples viveirense, La Voz de Galicia e Concello de Viveiro ofrecerán un foro de debate con representantes de asociacións de comerciantes analizando a fondo a situación do comercio na Mariña. Entre outros, participará na cita, ás 20.30 horas, o presidente da Federación Comercio A Mariña (FCAM) Ánxel Vázquez Iglesias. A federación agrupa a preto de 800 establecementos, sinala.

-A unión fai a forza?

-Realmente si. A nós valeunos moito estar unidos. Primeiro, porque aprendemos dos erros uns dos outros e iso é importante. Segundo, porque os xerentes están moi en contacto entre eles. Terceiro, antes eramos uns descoñecidos entre nós e agora temos, creo, unha boa relación.

-Unha das últimas campañas comerciais foi a do Black Friday. Toca sumarse ás tendencias?

-Esa é unha campaña delicada pero como campaña é un bum. O problema do Black Friday é que obriga cada vez máis a facer as ventas dun mes nese día. É dicir, como campaña individual é espectacular pero machaca un mes e medio de ventas(...) Sobre sumarse ou non ás tendencias, son da teoría dun compañeiro que di ‘se o facemos, malo; se non o facemos, peor’. Non podes remar contracorrente porque se non o fas ti fano na Coruña...

-Como ve a federación a competencia de grandes superficies?

-Evidentemente, a filosofía da Fcam e de calquera asociación pasa por apostar por un comercio moi diferenciado das grandes ofertas que veñen das cidades, que ao final non son grandes ofertas senón produtos mercados en Asia, máis ou menos bonitos pero dunha calidade discutible. Todo o comercio da Mariña aposta polas marcas e por certa calidade(...) Cal é o gran desafío e o que sen dúbida algunha ten que facer reciclarnos e renovarnos a todas as tendas e quen non o faga terá pouco futuro? Internet.

-Como ve a vindeira campaña de Nadal? Persiste a crise?

-A crise pasou e cambiou mentalidades no consumidor, os soldos que non van subir da noite para a mañá, que segue habendo xente no paro é certo, pero digo que esta é unha realidade. As tendas que funcionen teñen que funcionar nesta realidade e non podes estar esperando que volva o de antes porque non vai voltar. A crise fixo evidentemente moito dano pero o que máis custou foi adaptarse a esta realidade, o que antes se vendía deixou de venderse, o que antes gustaba agora non, o que parecía práctico agora xa non o parece... Obrigou a resetear e volver empezar. Nesta realidade, a campaña de Nadal é a mellor do ano. É a campaña por excelencia para a xente de aquí.

«A crise fixo moito dano pero o que máis custou foi adaptarse a esta realidade»

«Hai que facer na Mariña unha marca poderosa a nivel exterior»

Aparte de comercios, tamén hai que falar de hostalería. Uns compleméntanse a outros, como suliña Vázquez Iglesias: «Non cremos que sexa posible unha área comercial atractiva sen unha hostalería atractiva(...) Todo o mundo que vai de compras de vez en cando quere parar a tomar un café ou un viño. Unha cousa ten que tirar de outra. Nos necesitamos tremendamente uns a outros. Ainda que hai opinións para todos os gustos, gusta pensar que todos somos compañeiros».

-Podería adiantar algún dos proxectos previstos para o 2018?

-Queremos facer algunha cousa diferente pero é difícil porque temos un ano que vai ser de eleccións en Foz, Burela, Ribadeo, O Vicedo... Esperamos que chegue unha renovación. O lóxico sería que a xente que veña nova tamén opinase, chegase con ideas novas e con ganas de traballar.

-E iniciativas pensando tamén na Mariña como conxunto?

-Fixemos algo coa Mancomunidade de Municipios da Mariña e temos algún proxecto, a ver se sae para diante(...) Todos coincidimos en que crear unha marca é necesaria como a que teñen as Rías Baixas ou a Ribeira Sacra. Facer na Mariña unha marca poderosa a nivel exterior debería centrar todos os nosos esforzos.