«Quedamos locos con este premio!»

O traballo galardoado foi encargado pola banda «medio burelense» Oh! Ayatollah


CERVO / LA VOZ

Son irmáns, cervenses e de apelido Miranda. Escolleron o mesmo camiño profesional no seu día, Comunicación Audiovisual pero Xaime realizaría posteriormente un máster de Dirección de Cine e Antón anda agora rematando os estudos con idea de ampliar coñecementos nese mundo. Ambos están detrás do videoclip que levou o premio do xurado ao mellor no XIV Festival de Cans de O Porriño, cita na que Xaime Miranda repetiu galardón, do público aquela vez, hai dous anos. O último premiado é Mi, Re, La da banda Oh! Ayatollah, na que hai dous compoñentes mariñáns, de Burela, tamén.

-Un premio así deber dar bastante proxección profesional.

-O premio está moi ben e o Festival de Cans está tendo cada vez máis repercusión. De feito, o ano pasado, ese mesmo premio gañárao un videoclip de Heredeiros da Crus. Para nós o nivel está superalto... Quedamos os dous locos con este premio!

-Para que outros grupos fixeron videoclip antes de Oh! Ayatollah?

-Tamén para Mequetrefe, onde meu irmán saía de protagonista, e co que gañamos tamén en Cans hai dous anos o premio do público. Tamén fixemos para Agorafobia e agora outro que imos sacar en dúas semanas para Mequetrefe de novo. Tamén temos dous pendentes pero que non están confirmados de todo.

-Que peculiaridade ten o traballo dun videoclip no audiovisual e como soen ser os encargos?

-O videoclip é bastante variable. Oh! Ayatollah presentaron unha idea inicial. ‘Sabotage de Beastie Boys... queremos facer algo así’, con detectives que investigaban roubos de corazóns. Nese caso eles déronnos unha liña a seguir. O que ten a peculiaridade dun videoclip é que nel cabe un pouco todo, uns son parecidos ao cine, outros feitos con motion graphics con imaxes xeradas por ordenador, outros simplemente son gravar xente tocando facendo movementos coa cámara... É moi heteroxéneo.

-A estética deste último lembra á dos anos 80. Aquela década foi clave para o videoclip, que se está a recuperar hoxe, non?

-O videoclip sempre estivo aí. Tivo a súa época dourada cando apareceron canles coma MTV pero empezaron a ter outro tipo de contidos e quedou como parado pero con YouTube agora hai un bum. Se comparas os que se fan en Galicia a día de hoxe cos que se facían hai anos a diferenza é brutal. En Cans elixiron uns 20 pero seleccionaron entre 80 e falamos so dun ano en Galicia.

-Ata con móbil se fan videoclips.

-No noso caso non estamos a un nivel profesional profesional. Este último entra moi dentro do mundo de Oh! Ayatollah... Son eles moi abstractos.

-Como ven o futuro no oficio?

-É difícil pero o que máis me gusta a min en principio é o cine. Aparte, a día de hoxe tamén está o mundo dos videoxogos, que no caso deste videoclip foi unha influenza. Creo que hoxe no audivosual hai capacidade para facer calquera cousa. O cine ao final foi o que a min me motivou para meterme nisto.

-Era cinéfilo xa sendo neno?

-O cine sempre me gustou. Pero tomeino máis en serio cando me vin Blade Runner ou Alien de Ridley Scott, que son as miñas favoritas. No caso de meu irmán máis que o cine ten máis influenza dos videoxogos e da animación.

-Comentou antes que ten en mente facer unha curtametraxe. Será na Mariña, por certo?

-Si, sería a facer na Mariña. Imos aproveitar os escenarios naturais da costa...

-Como ve a canteira mariñán no panorama audiovisual hoxe?

-Persoalmente, non me coincidiu coñecer moita xente da Mariña en xeneral pero si que coñezo xente de Burela. E tamén traballa neste campo Xacio Baño de Xove, pero a nivel alto. Creo que hai moita xente. Para a curta, de feito, imos contar con dous máis que son de A Mariña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Quedamos locos con este premio!»