Patricia Rivas: «Nos xenes teño algo de emigrante»

A enxeñeira de telecomunicacións mariñana explicou a súa experiencia fóra na xornada viguesa Talento.gal


BURELA / LA VOZ

Hai uns días, INEO celebraba as xornadas Talento.gal en Vigo nas que galegos que traballan en compañías tecnolóxicas no estranxeiro falaron das habilidades para acadar fóra o éxito. Entre eles, a mariñana Patricia Rivas (Australia, 1974), responsable de Servicios TIC en Swisscom (Suiza).

-Agora leva seis anos traballando en Suiza pero anteriormente xa era toda unha trotamundos.

-Na época na que se desenrolou todo o de datos móbiles, no 2003, estiven nove meses traballando para Ericsson en Suecia e catro meses en Nápoles. Más tarde traballei en Asturias pero levaba un equipo que estaba en Alemaña e sempre viaxaba a Frankfurt. A miña experiencia profesional sempre foi internacional, concretamente en servizos TIC a grandes empresas. En Vigo estudei Enxeñería Superior de Telecomunicacións.

-Non sei se o apreciaba xa en clase, ¿que proporción hai de homes e mulleres no sector das telecomunicacións hoxe en día?

-É curioso porque o estiven falando co director da escola. Cando entrei había un 40% de mulleres na miña promoción e agora baixou a porcentaxe. É un sector moi masculino e máis cando saes fóra. De feito, cando traballei cos alemáns era a única enxeñeira e en Suecia eramos cinco enxeñeiras pero todas españolas.

-¿Como se move unha muller nun mundo así, entón?

-Sempre estiven afeita a traballar con homes e grazas a Deus nunca tiven discriminación. O positivo é que haxa un grupo mixto porque temos todos moito que aportar e é bo que se fomente dende a propia escola.

-O talento galego, ¿cre que está recoñecido no exterior?

-En Galicia hai boas universidades, moi boa preparación e moitos dos mellores profesionais do sector estudaron en Vigo. Pero, ¿que ocorre? Os americanos, por cultura, saben venderse moi ben aínda que á hora de traballar non son mellores ca nós. Como galegos nos falla a cultura, no sentido de non darnos valor a nós mesmos. En Suíza as empresas fan moitos eventos para darse a coñecer e contribuír á sociedade, mesmo na zona local, pero en Galicia iso non se fai tanto.

-¿Sentiuse máis valorada fóra que en Galicia algunha vez?

-Tiven xefes inglés, alemán e suizo pero nunca galegos. O que podo dicir é que me valoran fóra pero é que nunca traballei para unha empresa galega.

-A nova emigración galega vese hoxe distinta á de hai décadas. As novas tecnoloxías, nas que vostede traballa, axudan a que a distancia pareza menor hoxe.

-Hai un montón de galegos en Xenebra. Os conserxes dos meus edificios veciños teñen uns 60 anos, son desa xeración que se foi nos anos 70. Era outro tipo de emigración, sen estudos nin coñecer idiomas e traballar no que se podía. Eu os cinco primeiros anos traballei en Orange. Agora estou en Swisscom, a “telefónica suíza”. Sen ser francobilingüe contratáronme de responsable de servizos para contas estratéxicas e que unha enxeñeira galega estea á fronte das contas máis importantes de Swisscom é para min o orgullo. Son dos poucas estranxeiros que hai aquí. É unha empresa forte en Suíza pero saír fóra é algo novo para eles e por iso necesitan xente con experiencia internacional.

-Seguro que en Talento.gal todos amosaban morriña. ¿Volverán?

-Teño morriña e corazón dividido pero é o mesmo que o que lle pasou aos galegos que emigraron nos 70. ‘Algún día hei de volver’, diciamos todos os galegos, tiñamos iso na mente.

-É curioso pero vostede xa naceu nas antípodas.. ¡en Australia!

-Meu pai estivo dez anos en Australia e miña nai cinco. Agora viven en Burela. Nos xenes teño algo de emigrante. Sempre estiven moi agradecida a meus pais que me apoiaron nos estudos e me permitiron estar onde estou. Meu irmán tamén tivo que emigrar hai uns anos. Teño pasaporte australiano por circunstancias pois aos tres anos xa me vin.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Patricia Rivas: «Nos xenes teño algo de emigrante»