«A librería Curros era moito»

ana f. cuba BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Esta empresaria botou máis de trinta anos vendendo libros en Burela

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Angelina Regueira Blanco (Corbelle-Vilalba, 1949) é burelense por convicción. «Son tan de Burela coma calquera que teña 30 anos, é o sitio onde máis tempo estiven na miña vida, considérome de aquí», recalca. Criouse na parroquia vilalbesa de Corbelle e alí aprendeu de memoria os poemas de Curros Enríquez. Ao casar marchou a Gijón, coidando das fillas e involucrándose no movemento asociativo, ata que, dez anos despois, escapando «da crise da metalurxia e da minería» atopou refuxio en Burela. «Daquela era unha vila que estaba en auxe. Vin coa intención de traspasar a librería Rozas, na rúa do Correo, frente á biblioteca vella, pero por trámites non se puido facer e decidimos montar unha», conta.

Xa ían uns anos de democracia pero Angelina aínda atopou problemas: «Naquel tempo facíano todo os homes, eu cheguei con todo xa medio feito, pero había problemas cos papeleos e decidimos poñelo todo ao meu nome; de feito, mentres non atopou traballo, houbo que poñer ao meu home na miña cartilla da Seguridade Social. Nunca tal se vira en Burela». Por fin abreu a librería Curros, en homenaxe ao poeta de Celanova -«líase moito na miña casa»-, na rúa G, que acabou chamándose Curros Enríquez, a suxerencia desta empresaria.

«Vivín, pero non enriquecín»

«O traballo de libreira gustoume sempre, foi vocacional. En 32 anos houbo etapas moi boas, anque os principios sempre son malos», explica. Para que un negocio funcione, asegura, non importa tanto investir en publicidade e en moita mercancía como «escoitar ao cliente». «É a miña experiencia, pero ao mellor a equivocada son eu porque non enriquecín», suliña. Vivir, sobrevivir, tirar adiante... Ter un salario, mercar un piso, criar as fillas, «como calquer obreiro».

Nun debate de mulleres pioneiras celebrado o xoves en Burela, Angelina afirmou que se vende máis tendo todo desordenado: «Se está moi colocado a xente cohíbese, igual que se estás preguntando ?que quere?. Eu deixáballes mirar e revolver e ofrecíame a darlles información se o precisaban. O máis bonito das librerías é cotillear, ?veño aquí coma ir de bares?». Na librería Curros xuntábase a xente para falar e as tertulias prolongábanse máis aló da hora de peche. Charlaban sobre as noticias do xornal e tamén de libros. «Non enriquecín, logo non teño de que presumir, pero foime agradable o traballo todos os días da miña vida», repite. Esta muller autodidacta -Dora, a propietaria da librería Rozas, ensinoulle a levar o negocio- medrou á carón dos libros -foi unha das promotoras do clube de lectura de Burela e preside a asociación sociocultural Vagalume-, escoitando «e abrindo moito os ollos» na vida.

A advertencia do cabo

A clientela era fiel: «Chegaban os mariñeiros e dicíanme ?¿que tes por aí??, eu xa sabía que autores e que estilos lles gustaban e xa lles ía apartando os libros para a seguinte marea. Igual me pasaba coas mulleres. Cando vía os catálogos pensaba ?este vaille gustar a fulano...?». Esta tenda foi pioneira na venta de revistas pornográficas. «Naqueles anos despuntaban moito, sabía que se ían vender e coloqueinas no escaparate», narra. Ata que chegou o cabo da Garda Civil advertindo do «escándalo» e pedíndolle que polo menos as gardara un pouco. «Iso que daquela viñan envoltas en plástico, cunha estrela negra tapando o que non se podía ver», apunta. Fíxolle caso, sen renunciar.

Duque, o amigo de todos

A librería Curros non tardou en converterse nunha referencia: «Dentro do que había entonces, quizás se fose un foco cultural, aprendías duns e doutros, pero nunca fixen presentacións de libros, saqueinos á rúa unha vez ou dúas polas Letras Galegas e participei tres anos na feira de Viveiro». Pero o auténtico símbolo da librería Curros foi Duque, un collie que chegou aos 17 anos, amigo de todos: «Os nenos víñano buscar para xogar. Era moi especial, a xente falaba con el, ninguén lle tiña medo. Estaba sempre tumbado na porta do almacén e notaba se estaba triste ou contenta. Adiviñaba incluso cando ía saír buscar un café, polo azucariño».

A librería pechou hai uns meses. As fillas (unha delas saíu moi lectora, di súa nai que a salvaron os libros, sobre todo nas clases de Historia) non quixeron seguir co negocio, moi esclavo, sobre todo pola venta de prensa (quedan só tres días libres ao ano), e Angelina decidiu retirarse -«xa se me estaba facendo difícil, necesitaba tecnoloxías novas e á miña idade non estaba para continuar, tíñao moi pensado»-. Agora, coa vida enteira por diante, ten gañas de camiñar polo monte -«gústame moito a natureza»-, sen deixar de disfrutar dos libros. Estes días está lendo a Espido Freire.

Angelina Regueira Blanco

62 anos

Empresaria (xubilada)

A praza do Mariñeiro, «porque este é o centro neurálxico, por onde pasan todos, é o corazón de Burela»