A TRIBUNA | O |
27 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.AS PRAZAS PODEN valer para moitas cousas. Poden servir para que a xente pasee e conviva, aínda que o que máis gusta aos políticos, cartaxineses ou romanos, é proxectar, conseguir e inaugurar un paseo marítimo. Nada entusiasma tanto como un paseo marítimo, unha ilusión que non se esvaece nin co clima do norte, que ano tras ano demostra que é máis duro ca o do sur e que algunhas obras non soportan tranquilamente o paso de varios invernos. Seguindo coas prazas, tamén poden servir para que xoguen os nenos, unha idea que ao arriba asinante lle parece moi ben, sobre todo porque pasou a súa nenez con moitas tardes de fútbol ao aire libre e de pan con chocolate como alimento reconstituínte despois do esforzo. O problema é que cada vez hai menos nenos e que se lles ofrecen tantas actividades de tempo libre que talvez non lles quede tempo para correr detrás dun balón: calquera día habemos entrar nun museo e ver fotos de nenos xogando ás bólas como exemplo de actividades perdidas. Non nos desilusionemos, porque aínda quedan usos para as prazas. Hoxe non hai cultura sen espectáculo, e poucos espectáculos semellan tan bos coma un concerto nun bo escenario. Velaí, outra vez, a praza da catedral de Mondoñedo, onde mañá se celebra un dos concertos programados na Mariña co gallo do Xacobeo 2004. A actuación pode gustar aos afeccionados ao jazz e aos fados en particular, pero ten ademais unha forza liberadora: cada concerto que se organiza nese espazo multiusos significa que non se pode aparcar durante unhas horas nun lugar onde non se debería de facer case nunca. E escoitando boa música, non paga a pena lembrarse dos coches.