A TRIBUNA | O |
09 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.LÓPEZ VEIGA, o conselleiro de Pesca, xa non é o que foi. A sentencia non é miña, senón dunha boa parte de membros do sector pesqueiro, que botan de menos ó López Veiga técnico pesqueiro da súa anterior andaina pola consellería. Agora din que parece máis preocupado pola política que pola xestión profesional e rigurosa que o caracterizou no pasado. Moi desatinados non deben de andar, á vista das declaracións que fixo onte na súa visita a Celeiro. Acudiu como conselleiro e, en plena campaña electoral, lanzou por primeira vez unha mensaxe tan clara como que a unión das flotas pesqueiras de Burela e de Celeiro faría da Mariña unha das potencias máis compactas do sector. Non está mal que recoñeza esa realidade, pero non deixa de resultar contradictoria coa política da súa consellería. Se en lugar de deixarse levar por localismos e intereses políticos aplicase criterios estrictamente técnicos e económicos, non tería cofinanciado con tantos cartos públicos duas macrolonxas como as de Celeiro e Burela, separadas entre sí por unha distancia ridícula e construidas para comercializar os mesmos productos das mesmas flotas. Nesa absurda decisión, a política impúxose tanto á racionalidade que a perogrullada que onte dixo alguen tan serio como López Veiga só pode entenderse como unha loubanza propia dunha campaña electoral.