Experimentarán a viabilidade do cultivo de trufas no Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

AGRICULTURA

As probas levaranse a cabo en áreas de terra caliza da serra

10 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) e o grupo de desenvolvemento local Ancares-Courel asinaron onte un convenio que permitirá realizar experimentos sobre a viabilidade do cultivo das trufas na serra courelá. O acordo estará vixente ata xullo do 2013 e a actividade financiarase con fondos do proxecto de cooperación interterritorial Nuevos Horizontes e unha axuda de 10.000 euros que achegará o Cetal.

O proxecto desenvolverase en varias fases, a primeira das cales dedicarase a localizar as zonas que poden ser máis aptas para este tipo de cultivo. Por agora, segundo indican desde o GDR Ancares-Courel, o único que se pode asegurar é que os experimentos se levarán a cabo en terreos calizos, xa que as trufas só crecen neste tipo de solos. Segundo os expertos, os prados de terra calcárea, sobre todo os que están situados nas proximidades dos bosques de aciñeiras, poden ser as áreas máis indicadas para este obxectivo. Unha vez escollidas as parcelas que se considen máis apropiadas, negociarase cos seus donos -que poderán ser propietarios particulares ou comunidades de montes- para realizar unha serie de cultivos piloto.

Alto valor económico

Os responsables do Cetal resaltan o elevado valor gastronómico e económico destes fungos e consideran que, en caso de que estas experiencias dean un resultado positivo, o cultivo das trufas «podería supor unha alternativa de produción interesante para os propietarios de terreos actualmente improdutivos ou de baixo rendemento».

Desde a xerencia do GDR Ancares-Courel sinalan que a busca das zonas apropiadas para levar a cabo os cultivos de trufa comezarán de forma inmediata, pero por agora non pode indicar con certeza en que momento comezarán a realizarse estes experimentos.

Esta será a segunda experiencia de renovación dos recursos agrícolas impulsada este ano polo GDR na Serra do Courel. Para o próximo outubro, como xa se anunciou anteriormente, está previsto realizar tamén unha serie de probas de novos métodos para recoller as castañas nos soutos da zona. Nestes experimentos utilizaranse diferentes tipos de redes deseñadas para colleitar as castañas en bosques situados en terreos de forte pendente. Con esta iniciativa preténdese abaratar o labor de recollida e ofrecer a posibilidade de recuperar soutos que foron quedando abandonados nas últimas décadas por encontrarse en zonas onde a súa explotación resulta moi dificultosa.