Alfonso Tellado: «O humor é universal igual que o galego»

Raquel Rodríguez

FERROL

O galego retranqueiro de «Buenafuente» estivo hoxe contestando as preguntas dos internautas de Lavoz.es.

31 mar 2011 . Actualizado a las 21:32 h.

Alfonso Tellado, o xubilado de Ferrolterra que gañou a admiración do público tras o seu paso polo programa «Buenafuente» estivo durante un encontro dixital cos internautas de Lavoz.es. Moitas das preguntas tiveron que ver coa súa particular retranca que califica como un simple «mecanismo de defensa», polo o que os galegos quedamos marcados. O humor-considera o sindicalista- é universal igual que o galego. «Serve para darlle á vida un toque menos ingrato, pero non por iso menos reivindicativo». En canto ás declaracións de Aznar respecto a Rajoy e a súa condición de galego, el pensa que «os galegos e galegas temos que escoller a quen nos respeta».

Aínda que o seu debut foi estelar, Alfonso non se plantexa polo de agora ser «colaborador» de ningún programa porque di non estar «preparado para iso». Recoñece que a primeira vez que apareceu no programa de Buenafuente a súa actuación foi máis fresca, na segunda o que menos lle gustou foi verse atrapado nun «tinglao» ao que, según afirma, non acaba de ver a importancia.

Ante o compromiso do showman catalán de visitalo na próxima Semana Santa, Alfonso Tellado quere manter o segredo. «Non quero verme na miña aldea crispando as galiñas e meténdolle estrés ó can», afirma facendo gala da súa retranca.

Alfonso tamén lembrou o seu pasado de sindicalista en Bazán no que os seus compañeiros nunha ocasión agasallárono cunha placa que poñía: «ao noso mudo». Considera sentirse moito mellor nas asambleas de Turbinas que nos platós xa que forma parte dunha «xeración na que ser sindicalista era unha forma de vida».

Tras o seu paso polo programa moitas son as propostas que ten o retranqueiro máis famoso da televisión. Algunha desas chamadas foi a de Gadis que o invitou a un simposio para exercer de «galego», a que rexeitou porque «non teño nada que ver con esa maneira de actuar». A política é outro campo polo que se interesaron os internautas. Ante a pregunta de se se presentaría como alcalde de Bouzamaior, Alfonso respostou que sí pero de «San Sadurniño, que é o concello, non, porque xa ten unha gran equipa».

Polo de agora haberá que esperar para velo nunha terceira intervención de Buenafuente, ou se o catalán cambia de escenario e coñece o pobo galego.