Os últimos anos en Bos Aires do poeta laxense Antón Zapata

Miro Villar

CARBALLO

As investigacións máis recentes arroxan luz sobre as datas exactas dalgunhas publicacións do escritor e sobre a súa morte

30 may 2008 . Actualizado a las 12:17 h.

Sempre é de agradecer calquera traballo que sirva para reivindicar a un poeta da Costa da Morte e iso sucede co artigo sobre Antón Zapata García que asinou o señor Otero Cebral nas páxinas deste xornal.

Así a todo, neste traballo o seu autor limítase a parafrasear e resumir as páxinas que lle dedicou ao poeta de Laxe na súa monumental Historia da Literatura Galega o profesor Carballo Calero, ao que só cita nunha ocasión (cando calquera investigador debe recoñecer sempre as súas fontes).

As pescudas avanzaron bastante desde aquela e hai datos tirados do profesor que hoxe se revelan inexactos, como demostrei na miña tese de doutoramento (1622 páxinas, aínda sen posibilidades de publicar), recibida con sobresaliente cum laude pola Universidade de Santiago no pasado mes de febreiro.

Nela demóstrase, por exemplo, que A Roseira da Soidade. Poesías galegas publicouse en 1954 (non en 1953 como adoita dicirse).

Tan só nos catro derradeiros parágrafos Otero Cebral achega novos datos, mais chama moito atención que, sen citar documentación, escriba o seguinte: «Zapata pasou momentos complicados en Bos Aires por comentarios sobre o réxime peronista, que o tivo encarcerado e foi iso o que lle ocasionou a súa morte».

Nada máis lonxe da realidade. En efecto, Zapata foi unha persoa moi crítica, pódese consultar a súa implicación política no noso traballo Antón Zapata García e os exiliados galegos, presentado no Congreso Internacional o Exilio Galego (Santiago de Compostela, 2001), cuxas actas xa se poden ler na web do Consello da Cultura Galega. Porén, foi unha grave enfermidade a que creba a saúde de Antón Zapata e fai que deba pasar varios meses convalecente, ata recobrarse pouco a pouco e poder reiniciar a súa actividade antes dunha fatal recaída que o levara á morte.

Na tese reprodúcense tres cartas mecanoscritas e asinadas polo poeta nas que, de maneira confesional, lle conta polo miúdo os avatares dos seus últimos anos ao seu editor Manuel Roel Longueira, con quen estaba a preparar a autoedición do libro cando é sorprendido pola morte.

Revelacións por carta

Este parágrafo dunha das cartas é abondo esclarecedor e significativo: «O que me pasóu no pasado mes de xuño de 1952: paséi seis meses no leito, de abondo enfermo e doorido. Xa vou estando feito un buxo... mais xa un tanto cativeiro... Foi algo semellante ao que me pasou no 1951, asunto que xa comentamos. Han de ser compridas miñas máis fortes espranzas -volto a refirmar- si estas catro letras o alcontran como nos seus mellores tempos. Eu, dendes vai facer tres meses (¡non se sorría!), vivo manxando, acotío, por prescrizón médica, o puro tallarín. Un ítalo...».

Por mor desta grave doenza, á idade de 67 anos, Antón Zapata García falece en Bos Aires o día 20 de xuño de 1953, malia que a acta de defunción, reproducida nos anexos da tese, indícase que o óbito se produciu o día 21. En sinalar o día anterior coinciden os xornais máis importantes da diáspora galega. De feito, Galicia e Opinión Gallega, publican cadansúa nota necrolóxica que así nolo confirman.

En calquera caso, estas precisións non embazan a intención de Otero Cebral, coa que coincido plenamente, á hora de reivindicar a figura do poeta de Laxe, que aínda agarda a publicación da súa biografía e da súa obra completa (pois existen moitos poemas e textos en prosa descoñecidos, lembremos que A Roseira da Soidade é un libro autocensurado, dada a data na que ve a luz, en pleno franquismo), unha e outra sempre abertas á aparición de novos datos, sempre contrastados nas fontes documentais dispersas e fragmentarias da emigración galega na Arxentina.