Quen fora valedor do edil maniféstase agora como un dos seus principais detractores, e di que non está só. Katelo pídelle ao PG que se tome a cousa «en serio»
17 abr 2009 . Actualizado a las 10:38 h.As augas baixan axitadas no Partido Galeguista do Grove. A executiva decidiu o martes elevar ao comité de garantías do partido as queixas feitas públicas por tres militantes a través da prensa contra o coordinador xeral Fredi Bea. Este di que as queixas susténtase só en palabras duns poucos e que a maioría dos militantes está con el, pero se a batalla se vai librar con palabras, o presidente da agrupación local, Francisco Pérez Katelo , deixa claro nesta entrevista que está disposto a sacar toda a artillería.
-Non é cuestión dunha batalla, é un enfrontamento aberto, directo claro entre os galeguistas e os que non son galeguistas. Non foi porque nós non fixeramos nada para solventar esta situación, eles, coa actitude que tivo o concelleiro (Fredi Bea) na última executiva foron os que deron lugar a esta situación.
-¿Quen son eses non galeguistas?
-Os que non deixan facer aos demais, os que se cren coa representatividade das siglas. Chega un momento en que a xente se cansa. O partido debe funcionar e non exclusivamente o concelleiro, que non atende a chamamentos de diálogo e consenso. A xente rebenta e se cansa de falar internamente e por iso decide saír publicamente, a ver se así se nos fai caso.
-Pero a decisión da última executiva demostra que Fredi Bea ten o apoio da dirección.
-Aínda que só foi por un voto, Fredi Bea gañou as eleccións e polo tanto está lexitimado para facer a executiva á súa imaxe e semellanza. Pero, desde aquela (van alá dous anos), a xente que participou na candidatura foise desligando gota a gota. Non se fixeron máis militantes e dos 22 que fomos na candidatura, máis da metade xa non está no partido. E logo houbo un envite electoral que foi un auténtico desastre e para cuxa candidatura non se preguntou a ninguén (indica en alusión á candidatura + Galicia, nas autonómicas). Era previsible o batacazo que tivemos e, vendo que non se rectifica, é normal que os compañeiros saíran como saíron a protestar. Eu estaba de vacacións cando foi todo isto, pero súmome.
-Tendo en conta que Fredi Bea ten o control do partido, esta estratexia dos críticos soa a golpe de estado dentro do PG.
-Os compañeiros que denunciaron esta situación, eu e outros compañeiros non somos golpistas. Todos temos exemplos de que os veciños cando van xunto a Fredi saen queimados. A xente que fala con Fredi percibe que este home é un ditador, non se lle pode levar a contraria en nada. Existen casos de persecucións familiares. Eu como galeguista non podo permitir que isto siga así, por moito secretario xeral que sexa, non podo permitilo como galeguista nin como persoa. Está constantemente multando, persigue a unha familia enteira. É un ditador, recórdame antigas etapas da vida española. Moita xente síntese vexada e así non imos sacar representación nas próximas eleccións. O que pretendemos é reconducir esta situación con tranquilidade. Levamos caladiños xa dous anos. Non se nos pode tachar de ser desleais pero a xente séntese manipulada, non se lle pode chamar só para pegar carteis. Eu tamén quero ir ao comité de garantías, que me expedienten, síntome solidario cos meus compañeiros. A do martes foi a primeira executiva que se celebrou e faise para expedientar á xente. Hai unha actuación clara de cortar cabezas.
-¿Como se sinte persoalmente tendo en conta que foi un dos valedores de Fredi Bea?
-Foi unha decepción enorme. Esperábamos outro tipo de persoa, non un ditador.
-Vostede aspiraba a ocupar unha praza de operario e limpeza no Concello pero quedou fóra, dixo, inxustamente. Pode haber quen pense que a súa reacción é unha vinganza por non ter obtido o emprego.
-Moléstame que me faga esta pregunta. Non ten nada que ver unha cousa con outra. En cousas persoais non entro.