09 nov 2001
Os clásicos contos das mil e unha noites serán publicados en galego
Un feixe de títulos para nenos e rapaces chegan ás librerías con motivo da proximidade do Nadal «¡Haiche moito conto!», rosman con sorna as xentes desta terra desde a altura dos anos vividos. Pois se había moitos, máis haberá, polo menos en galego, xa que as historias das mil e unha noites van ser publicadas por Xerais. Os contos de Aladino e a lámpada, as viaxes de Simbad o marino ou as falcatruadas de Alí Babá e os seus corenta ladróns foron traducidos ó galego por Carmen Torres. Este volume segue a liña doutros da mesma editorial como «Contos de Perrault» e «Contos de Hofman».