UN INCENDIO INNECESARIO

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES

09 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A política non é unha cuestión aritmética, nin cousa que se resolva aplicando as reglas de sumar e restar, senón a arte do equilibrio posible, a xustiza social e a harmonización de intereses colectivos. En definitiva: un espacio para o encontro, non para a confrontación. Certo que o sistema representativo consiste en establecer un tipo de medida para cuantificar o apoio social das propostas que en cada caso acceden ós espacios de poder. Eliximos os parlamentarios para que nos representen e tomen decisións. Pero é certo que nese arte difícil e necesario que é a política, a mesura, a oportunidade, o diálogo coas partes (as minorías) e sobre todo cos axentes afectados (a cidadanía) constitúe un valor engadido, un plus de enorme trascendencia que non só non desmerece nin vacía a devandita representación senón que, cando se manexa con intelixencia, a reforza e a consolida. Isto é tanto máis importante canto que falamos non de políticas inmediatistas, a curto prazo, senón de planeamentos estratéxicos de gran alcance, que hai que sementar hoxe para recoller ás veces en dez ou quince anos. Non é a primeira vez que falamos disto. Calquera proxecto de futuro, a política de infraestructuras, por exemplo, a incorporación da sociedade á cultura das novas tecnoloxías, a organización do estado, deben buscar o consenso, o maior consenso posible en cada caso, pois non son para mañá, senón de moito máis longo percorrido, precisan de estabilidade, e afectan a cuestións que tampouco naceron onte, arrastran séculos de memoria e tradición. Tal é o caso que plantea o conflictivo proceso de elaboración da Lei de Ordenación Universitaria (LOU) que está a piques de ser aprobada no Parlamento español estes días, coa oposición practicamente unanime de tódolos afectados. Por razóns que un non acerta a explicar, se non é por causas psicolóxicas profundas, ou complexos persoais, a LOU nace, imposta polo PP (e aprobada cunha celeridade sen precedentes), fundamentada basicamente na desconfianza. Tal parece que ese sexa o seu motor principal. Desconfianza contra a institución, á que se acusa de corporativa e resesa, e desconfianza sobre todo contra o profesorado, agrupación endogámica, insolidaria, cerrada, exclusivista, avellentada e incapaz, segundo o partido maioritario, de dar resposta á demanda dos tempos. Curiosamente, e isto case que ninguén o salienta, estamos a falar dunha institución (a Universidade) que é un dos poucos espacios de autonomía civil existentes, básico para o desenvolvemento das sociedades, e que entre nós se sostén cuns recursos ridículos, certamente obsoletos, se os comparamos cos que para a mesma función destinan os países desenvolvidos do noso contorno próximo (Alemaña, Gran Bretaña, Francia); unha institución mermada de recursos e que, sen embargo, non só multiplicou case que por dez a súa productividade nos últimos quince anos, senón que, de feito, alimenta practicamente en exclusiva o escaso I+D de que dispoñemos: a investigación (aplicada e de base) e a formación de capital humano. Rectores en contra, profesores en contra (calquera que sexa o seu nivel), axudantes en contra, doutorandos en contra, investigadores en contra, persoal administrativo en contra, estudiantes en contra... ¿A onde se quere ir por este camiño? Non abonda dicir agora, logo da xornada do pasado día 7, que no Senado vai ser mellorada (palabras da ministra). Cómpre unha posición nova, radical, de principio, capaz de reconstruir o diálogo necesario. A reforma é útil, seguramente necesaria. Como en calquera institución, hai carencias e vicios que periodicamente cómpre corrixir, e dos que son plenamente conscientes os axentes implicados, preocupados como ninguén por establecer vencellos eficaces co conxunto do corpo social. ¿Cómo pensar a Universidade sen a Sociedade que a sostén e xustifica? Pero había case 20 anos que as aulas non se mobilizaban. Alguén encendeu unha mecha que, se non se apaga a tempo (con medidas políticas), está por ver ónde nos leva.