Gustavo Santiago Valencia, presidente do Patronato do Pedrón de Ouro Conta 77 anos e vai camiño do cuarto de século na presidencia do Patronato do Pedrón de Ouro, unha institución creada en 1964 pensando na defensa e o espallamento da cultura galega. Gustavo Santiago Valencia, ourensán das Burgas, radicado en Santiago e enxeñeiro de profesión, recorda, non sen reservas, diferentes pasaxes dunha vida marcada pola cautela e a discreción. O enxeñeiro que tanto traballara en proxectos de electrificación rural, renuncia, ás veces, a aludir a algunhas situacións do pasado máis ou menos lonxano. Diríase que este home quere ser sempre dono dos seus silencios e non escravo das súas palabras galegas.