A bordo do «Novo María Ester», barco de Burela que partiu á costeira rumo ás costas de Irlanda Soaba a sirea da lonxa ás doce anunciando a venda da pesca do día como unha alarma entre ruídos portuários, cando largamos cabos de terra e o barco desatracaba do porto para iniciar unha nova marea á pesca do bonito. Era un día de sol da metade de agosto e ali ficaban en terra as praias e as festas cheas de xente. Caras tristes e distraídas, enfurruñadas de insónio en noites mal dormidas despiden de reollo a quen queda no peirao saudando con maos humedecidas de bágoas. O barco abre varas no seu porto de base en Burela, afirma estais, trinca defensas e cabos, arrancha os víveres, ben provisto de gasóleo, auga e xelo, despachado o seu rol na Capitanía, dobra logo a ponta do malecón, saúda a Santa coa sua proa mentres o segundo de abordo se santigua e todos rezan baixo, e pon rumo 335 e a toda máquina parte para o caladeiro do norte perto das costas de Irlanda.
RAMÓN REIMUNDE