O zafarrancho que se monta cando están os barcos á pesca do bonito resulta impresionante A bordo do «Novo María Ester» seguimos unha marea ó bonito. O barco partiu de Burela; nunha primeira crónica, publicada o domingo, Ramón Reimunde escribía sobre a partida e a singradura ata as costas de Irlanda. Falaba do descorrer diario a bordo do boniteiro, das anécdotas de cotío e do duro traballo da tripulación a bordo. Hoxe fala desa dureza, no punto exacto da pesca, fala do regreso, co barco cheo de bonito e da venda final dese peixe en lonxa, despois da dureza do traballo e da marea de 25 días.
10 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O zafarrancho que se monta cando están os barcos boniteando resulta impresionante. Pasan moi próximos uns de outros, cabeceando cando van de proa ás ondas, máis tranquilos se van en popa, con continuas paradas ao aferrar, seguindo un carreiro onde está o peixe para logo virar en sentido oposto cando dan con el, e en determinado momento todos poñen rumo a un ponto onde se está pescando máis e aquelo parece unha regata de traiñeiras. Resulta unha arte difícil, moi tradicional e mellorada, mistura de intuición e sabedoria, porque uns pescan e outros non tanto, non se sabe a onde vai a mada de peixe que só pica en determinadas horas, principalmente pola mañá cedo e ao anoitecer, ao que chaman axexo. No momento da pesca todo son presas, nervos, precisión, unha orxia de sangue na coberta, bonitos entrando co gancho, liñas que se cruzan, berros e avisos: «Aí vai a amura», «aferrou o recodo de babor e a mosquita», «vai o chivo de estribor», «listos, avante», case sempre coa roupa de augas polos charpazos e chubascos, facendo equilíbrios de malabarista por unha coberta mollada e con balances contínuos, co perigo de que se solte o peixe e veña o anzó abordo como unha bala. Un espectáculo impresionante e primitivo, que leva á admiración por estas xentes do mar, francas, libres e valentes, que buscan un minuto para deitar-se a descansar na coberta ou contar un conto mentras comen de pé no seu prato metálico, ou facer unha brincadeira a un compañeiro que adormeceu co cansazo atando-lle os pés ou botando-lle auga na coberta para que escorra e se molle. Asi pasan os traballos e os dias até chegar a noite, admirando solpores e menceres belísimos, barcos, luces e estrelas. A zona de pesca do bonito é bastante reducida. Durante a sua migración levados pola corrente do Atlántico Norte procedente do ecuador, primeiro é pescado en augas dos Azores e despois sobe rumo NE para tomar duas direccións: cara o cantil do Grande Sole e costas irlandesas ou cara o Cantábrico e Golfo de Biscaia. No primeiro caladeiro pescan concentrados os barcos da cacea, volanteiros franceses e arrastreiros de fundo, mentres os tanqueiros bascos e as pequenas lanchas o fan na costa cantábrica.