¿Que integración queremos? (I)

La Voz

A MARIÑA

FORO PÚBLICO

10 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando cheguei a Burela hai tres anos, para facer-me cargo do Proxecto Bogavante, viña chea de ilusión ante a tarefa que me encomendara a REGAL (Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusion Social). A primeira surpresa que levei foi a da diferente interpretación que facía goberno local -mero colaborador («os morenos están totalmente integrados»)- e colectivo cabo-verdiano, que comezou a definir os seus problemas de xeito colectivo: precariedade do emprego no colectivo feminino e falta de formación do mesmo, situación de apátridas da segunda xeración, falta de organización da comunidade, fracaso escolar, falta de valoración da sua identidade cultural... A integración era vista de dous xeitos: está-se integrada por residir nun lugar (goberno municipal), ou ben, a integración supón, esencialmente, a participación da comunidade foránea nos diferentes aspectos da vida social, así como nos seus dereitos e deberes, sen perder a sua raiz cultural, o que le permite unha relación en pé de igualdade coa comunidade «autóctona» (postura do Proxecto Bogavante). Eu nunca concebin o meu traballo como unha oficinista. Estou segura de que se tivese esperado polas persoas cabo-verdianas nun despacho, a história teria sido outra. O Bogavante foi deseñado coa própria comunidade, que tiven que censar, entrevistar, reunir, para poder coñecer a sua realidade. Nun proceso IAP seguiuse unha metodoloxía de investigación-acción-participativa no que as tomas de decisión acerca das accións e actividades que se ían levar a cabo foron colectivas, o que garanteu a implicación e participación do colectivo nas mesmas. Como antropóloga neste proceso non fun mais que unha acompañante, unha motivadora do colectivo e mediadora ante as institucións. Os meus lugares de traballo eran a rua, as casas destas persoas, as comisarias e rexistros civís, o meu coche, os bares, as hortas, os cursos, os buses, as festas organizadas, os despachos, aulas, medios de comunicación... Unha vez rematado o Proxecto Bogavante, a Consellaria de Família dotou o Concello de Burela de fondos económicos para continuar o traballo de integración, deixando fora de xogo a REGAL. En princípio o goberno municipal era totalmente reácio á miña contratación, que finalmente se produciu gracias á presión de Tabanka. Supostamente o que se ía realizar era unha continuación do anterior proxecto, mais desde o primeiro momento, a concelleira de Servizos Sociais e o segundo Tenente de Alcalde deixaron claro que eran os «xefes», o que fixo que desaparecese a metodoloxía IAP e que fose disminuindo a capacidade decisória da comunidade con respecto ao emprego dos fondos disponíbeis. Eu preguntaba-me: a administración galega para que dota as comunidades inmigrantes deste tipo de proxectos? Para o desenvolvemento das mesmas ou para facer-se autopropaganda?... Luzía Fernández, antropóloga.