Unha marea ó bonito

RAMÓN REIMUNDE

A MARIÑA

R. R.

A bordo do «Novo María Ester», barco de Burela que partiu á costeira rumo ás costas de Irlanda Soaba a sirea da lonxa ás doce anunciando a venda da pesca do día como unha alarma entre ruídos portuários, cando largamos cabos de terra e o barco desatracaba do porto para iniciar unha nova marea á pesca do bonito. Era un día de sol da metade de agosto e ali ficaban en terra as praias e as festas cheas de xente. Caras tristes e distraídas, enfurruñadas de insónio en noites mal dormidas despiden de reollo a quen queda no peirao saudando con maos humedecidas de bágoas. O barco abre varas no seu porto de base en Burela, afirma estais, trinca defensas e cabos, arrancha os víveres, ben provisto de gasóleo, auga e xelo, despachado o seu rol na Capitanía, dobra logo a ponta do malecón, saúda a Santa coa sua proa mentres o segundo de abordo se santigua e todos rezan baixo, e pon rumo 335 e a toda máquina parte para o caladeiro do norte perto das costas de Irlanda.

08 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando a costa xa non é máis que unha liña escura e borrosa pola popa e temos a Estaca de Vares polo través de babor, largan-se as liñas que só pescarán algúns monos ou bonitos de menos de tres quilos, por se a sorte depara encontrar unha mancha de peixe recortado no meio do Cantábrico. Relevan-se patróns e motoristas cada seis horas de guarda, a tripulación sestea e prepara carnadas durante esa rota, pasando o cruce dos mercantes que van e voltan de Fisterra ao Canal da Mancha; avistan-se veleiros, cruzamos tanqueiros bascos que pescan bonito co sistema de viveiros e carnada viva coas súas proas lanzadas onde van os mariñeiros de vixia; vemos máis tarde os arrastreiros de Grande Sole faenando nun mar azul escuro, mentras admiramos un horizonte redondo e desértico onde o barco non deixará nunca de dar bandazos e cabeceos. Estes barcos boniteiros son pequenos, con menos de 30 metros de eslora, sendo os novos de ferro e os antigos de madeira, moi mariñeiros aínda que balanceadores. Van dotados de potentes motores de máis de 500 cabalos, e modernos aparatos de navegación e levan o milagroso GPS que dá a situación instantánea por satélite, así como o rumo e distancia a un ponto. Hoxe xa non se usan as cartas mariñas na derrota, onde non falta nunca unha imaxe da Virxe do Carme, nen hai observación por sextante. Chegamos ao caladeiro situado en 51ª N 12ª W, a setenta millas ao sudoeste de Irlanda, onde nos espera unha frota de máis de cincuenta barcos concentrados na zona onde hai peixe grande matrero, agora parados sen governo na noite, con unhas luces amarelas de destellos semellantes ós das ambulancias. Resulta difícil dormir cos bandazos e o siléncio do mar batendo nos costados escuros. Isto parece unha festa de luces. Ao abrir o dia, ás sete da mañá, comeza a faena, largando as liñas e encendendo motores que rumbarán todo o dia arrastrando as carnadas.