O miliario romano de Redondela no que fregarse para quedar embarazada

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez REDONDELA / LA VOZ

REDONDELA

Xosé Couñago xunto ao miliario, que agora é o marco de separación entre Redondela e Mos.
Xosé Couñago xunto ao miliario, que agora é o marco de separación entre Redondela e Mos. Cedida

Xosé Couñago conta a historia do único indicador que queda en pé na vía do Imperio que unía Tui con Astorga e que agora serve de marco entre parroquias

30 dic 2025 . Actualizado a las 23:51 h.

A vía romana XIX unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga, León) a través de Tui e as Rías Baixas. A estrada, como calquera outra do imperio, estaba chea de miliarios, marcas viarias que se utilizaban na antiga Roma para indicar que se levaban mil pasos. Hoxe, o único miliario que queda en pé no que foi a antiga vía romana está en Redondela, concretamente na parroquia de Vilar de Infesta, e serve de marco para separar ese barrio cos Guizán e Lourido, ambos en Mos. O miliario aguantou o paso de tempo no lugar porque os veciños sempre o protexeron. «No século XX houbo uns arqueólogos que o querían levar a un museo, pero non puideron pola revolta que se armou. A xente rodeou o miliario para que non o levaran», explica Xosé Couñago, todo un experto da memoria oral de Redondela e colaborador asociación cultural Alén Nós.

A razón pola que os veciños non permitían que levaran o seu miliario ten que ver coa súa relación con rituais animistas. «Era o lugar no que as mulleres realizaban ritos de fertilidade ou de curación de nenos pequenos», explica Couñago. Por exemplo, as mulleres que non conseguían ter un fillo buscaban no miliario romano a súa solución. «Como ten forma fálica, as mulleres debían, para cumprir o ritual, ir ata alí e fregar o seu baixo ventre contra el», continúa. Esta tradición contrasta co puritanismo da relixión católica polo que, probablemente, este ritual teña a súa orixe nas crenzas previas á chegada do catolicismo a Galicia no século III.

Este rito de fecundidade non era o único que se realizaba no miliario romano. Alí tamén ían as mulleres que tiñan algún problema co seu embarazo. «Elas tiñan que premer a súa barriga contra a pedra para absorber a súa forza», explica Couñago. Por último, tamén era o lugar ao que acudían as nais desesperadas con fillos que non lograban curar algunha enfermidade. «Neste caso, as mulleres debían ir co neno a noite ata o miliario. Debían sentalo sobre el e rezar», conta.

Este último ritual tamén mostra unha estrutura moi habitual nos rituais e lendas do patrimonio e da memoria oral galega: a unión entre a tradición precristiá con elementos católicos. A expansión da relixión cristiá provocou sacralización de outros cultos con cruces o outros símbolos. Isto explica a necesidade de rezar a Deus no ritual do miliario e, tamén, que a superficie da marca romana estea chea de cruces.

Couñago engade outra explicación máis: «A presenza destes elementos pode deberse a que o miliario serve como marco divisorio parroquial. Gravar cruces nas rochas situadas en divisorias de parroquias é algo habitual en Galicia. Neste miliario conflúen dous concellos e tres parroquias e pode observarse como hai tres cruces gravadas con maior tamaño e profundidade que están orientadas a cada unha das tres parroquias aquí delimitadas».

Un miliario que hai que protexer

Couñago tamén incide en que «se queremos que un miliario destas características, tan rico en significados, tanto históricos como simbólicos, sexa exhibido in situ, debe contar cunha protección e información ao seu arredor que impida que poida ser obxecto de agresións ou desleixo». Lembra que no 2023, algún tipo de vehículo ou maquinaria pasou ao seu carón e provocou un estrago considerable na súa superficie. «Esta rozadura estragou unha das poucas letras soltas que quedaban do texto inicial romano, a letra D, que desapareceu por completo», explica. Couñago insta aos gobernos locais de Redondela e Mos a que protexan o tesouro romano que divide aos dous municipios. «O miliario precisa dun espazo delimitado. Ademais, «o tránsito de vehículos por este treito do Camiño Portugués tampouco ten ningún sentido cando existen outros vieiros cerca», conclúe.